Xiaomi terá móbiles con cámara baixo a pantalla en 2021

venres, 28 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Está previsto que a semana que vén ZTE presente o primeiro smartphone comercial con pantalla oculta baixo a súa pantalla, pero non é o único fabricante chinés que está a probar esta tecnoloxía que, de feito, xa se ten amosado con anterioridade, e precisamente Xiaomi quere deixar clara a súa postura ante esta tecnoloxía, e asegura que xa están a traballar na súa terceira xeración, que entraría en produción para o ano que vén, de xeito que en 2021 teremos teléfonos de alta gama de Xiaomi cunha cámara frontal invisible cando non estea en uso, o que permite eliminar perforacións ou pestanas na pantalla, evitando o uso de solucións mecánicas que poden ocasionar problemas a longo prazo.
A primeira xeración desta tecnoloxía non tería deixado os laboratorios de Xiaomi, pero a segunda xeración xa fora presentada ao público, pero non ofrecía un nivel de calidade que xustificase o seu paso a produción, mentres que coa nova xeración que anuncian agora aseguran que conseguen unha calidade equivalente á das cámaras frontais convencionais, o que xustificaría a súa integración en produtos de Xiaomi, demostrando unha vez máis que estamos ante unha compañía con desenvolvementos de seu, capaz de interesantes innovacións.
Xiaomi aproveitou a ocasión para presumir dos seus bos resultados en Europa, onde conseguiu que no segundo trimestre do ano as súas vendas de smartphones de máis de 300 euros medrasen un 99,2% interanual. En xeral o crecemento de Xiaomi en Europa sería do 64,9%, conseguindo así facerse con 16,8% do mercado, e colocándose entre os 3 principais fabricantes en volume de vendas.

PUBLICIDADE