Zotac prepara un mini-PC cunha gráfica GTX 1070

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Para gozar dos últimos videoxogos e poder mover os mundos virtuais de cascos como Oculus Rift ou HTC Vive en escritorios informáticos estabamos afeitos a ver equipos de grande tamaño ou, como moito, cun formato de torre slim, pero Zotac quere ir máis aló e está a preparar o mini-ordenador Zbox MAGNUS EN1070K, que ten unhas dimensións de só 210 x 203 x 62,2 milímetros.
Pese a ter un tamaño máis propio dunha gravadora de DVD externa que dun ordenador, o equipo pode configurarse até cun procesador Intel Core i5 de sétima xeración, até 32 GB de RAM en 2 rañuras DDR4 e gráfica nVIDIA GeForce GTX 1070 con 8 GB de memoria GDDR5, de xeito que sería potente dabondo para a meirande parte das esixencias actuais sen chegar ao tope de gama. Amais tamén conta con espazo para almacenamento SSD en formato M.2, unha baía de 2,5 polgadas para integrar un disco duro ou unha unidade SSD, 2 portos USB 2.0 traseiros, 2 portos USB 3.0 traseiros, un porto USB-C 3.1 frontal, 2 portos Gigabit Ethernet, 2 portos HDMI 2.0, 2 portos DisplayPort 1.3, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, entrada de micrófono e lector de tarxetas de memoria, ou sexa, que tanto en potencia como en conectividade ofrece todo o que poderiamos precisar para gozar da realidade virtual ou incluso de videoxogos en ultra alta definición, prometendo un equilibrio entre potencia e disipación de calor permita un funcionamento silencioso para que a súa colocación no escritorio non resulte molesta.
Polo momento descoñécese a data na que este equipo chegará ás tendas e o seu prezo (que previsiblemente será moi elevado).

PUBLICIDADE