Chrono Trigger decepciona na súa versión para PC

mércores, 28 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Sen dúbida Chrono Trigger é un dos xogos de rol xaponés máis importantes da historia, como demostrou o feito de que tras a súa estrea en Super Nintendo saltase a outras plataformas (como a primeira PlayStation) e iniciase toda unha saga, pero o seu lanzamento para PC a través de Steam hai unhas horas foi unha sorpresa maiúscula, tanto polo inesperado como polo decepcionante da conversión, xa que en vez de adaptar o xogo de consola optouse por coller como base a súa versión para móbil de 2011, de xeito que pode verse incluso tal interface de uso e mensaxes de texto nos que piden que non se apague o teléfono, para bochorno dos seareiros deste título que o mercaron impulsivamente.
A reacción negativa ante este lanzamento non se fixo esperar, pois os seareiros de Chrono Trigger teñen gozado do xogo orixinal no seu ordenador a través de emuladores, conseguindo unha experiencia moito máis fiel á orixinal, aínda que na defensa desta conversión temos que inclúe contido adicional que se incorporara ao xogo na súa edición para Nintendo DS en 2008 e tamén conta con textos en español.
Chrono Trigger é un xogo moi amado, en boa media por ser obra de todo un dream team formado por YuJi Horii (creador de Dragon Quest), Akira Toriyama (creador de As Bolas Máxicas) e Hironoku Sakagunhi (un dos creadores de Final Fantasy), de xeito que pode considerarse como a esencia dos xogos de rol xaponés.
A edición que está agora dispoñible en Steam está considerada como limitada xa que até o 2 de abril incluirá contidos adicional como un popurrí de Chrono Trigger creado a partires de 5 cancións (Far Off Promise, Wind Scene, Battle with Magus, Corridors of Time e Chrono Trigger), as notas do disco do compositor Yasunori Mitsuda en formato dixital e unha colección de 6 fondos de pantalla en varios tamaños.

Tráiler de Chrono Trigger para PC

PUBLICIDADE