The Last of Us Parte II lanzarase o 21 de febreiro de 2020

martes, 24 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Por fin puidemos ver a terceira entrega de State of Play, a serie de vídeos coas que informan das novidades do mundo da PlayStation, na que deixaron ver detalles sobre Call of Duty: Modern Warfare, o novo MediEvil e, moi especialmente, o novo tráiler de The Last of Us Parte II, no que confirman que o agardado xogo sairá finalmente á venda o 21 de febreiro.
Dende Naughty Dog levan 5 anos traballando neste xogo do que resistíanse a dar unha estimación da data de saída e, finalmente, semella que vai acontecer algo semellante á súa anterior entrega: chegará a xeito de colofón dunha xeración de consolas e posiblemente será un dos primeiros títulos en publicarse remasterizado para a vindeira xeración.
Aparte do novo tráiler tamén detallaron que The Last of Us Parte II contará con varias edicións: unha edición estándar, unha edición dixital deluxe con contido adicional bastante superfluo (a banda sonora, un libro dixital de ilustracións, 6 avatares para PSN e un tema dinámico de PS4), unha edición especial (que incluirá unha caixa metálica e un libro de ilustracións), e unha edición para coleccionistas (que será como a edición dixital deluxe, pero cunha caixa metálica, un libro de ilustracións unha figura de Ellie de 30 centímetros de altura, unha réplica a escala dun dos seus brazaletes, 6 pins, unha litografía e 5 adheisvos).
Tamén adiantan que o xoves pola tarde permitirán que a prensa probe 2 novos niveis do xogo con case 3 horas de xogo en total, de xeito que en breve poderemos saber máis detalles sobre o que ofrecerá o que semella ser o título máis importante para PlayStation 4 no que resta de xeración.

A edición para coleccionistas do xogo será moi completa

Vídeo co terceiro vídeo de State of Play

PUBLICIDADE