nVIDIA presenta novos lentes 3D con cable

luns, 30 de maio do 2011 Marcus Fernández

A popularidade da tecnoloxía 3D no ámbito doméstico vai medrando paulatinamente, e para facela máis accesible economicamente aos consumidores finais nVIDIA vén de ampliar a súa familia nVIDIA 3D Vision cuns lentes activos que non precisan dun emisor de infravermellos, pois sincronízase co ordenador a través dun cable USB 2.0 de 3 metros, de xeito que convértese nunha solución ideal para os videoxogos para PC con soporte de 3D, ver películas en Blu-ray 3D no ordenador e incluso para ver vídeos 3D de YouTube.
Estes lentes son compatibles con máis de 65 dispositivos (monitores, portátiles e proxectores), e o uso do cable non só prescinde de dun emisor de infravermellos, senón que tamén serven para non ter que empregar baterías e minimiza as posibilidades do seu roubo (é posible adquirir un pecho especial para suxeitar o seu cable ao PC).
Os novos lentes de nVIDIA teñen un peso de só 50 gramos e chegarán ao mercado a finais de xuño a un prezo de só 99 dólares (nos EE.UU.) o que supón un aforro significativo fronte ao modelo sen fíos (á venda por 149 dólares).

PUBLICIDADE