nVIDIA presenta novos superordenadores de escritorio para a IA

martes, 18 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Jensen Huang presentou hoxe as últimas innovacións de nVIDIA

A primeiros de ano nVIDIA presentou o seu Project DIGITS, un superordenador de escritorio para a IA, que na súa versión máis básica contaría con 128 GB de memoria unificada e grandes capacidades para correr modelos de intelixencia artificial en local, cun prezo estimado de 3.000 dólares.
Hoxe, no marco da conferencia GTC en California, entre moitas outras solucións relativas ao mundo da IA, amosan a versión destilada de tal proxecto, que finalmente chegará ao mercado co nome de DGX Spark, e estará acompañado por unha versión superior chamada DGX Station, e ambas solucións estarán dispoñibles a través de fabricantes globais como Asus, Dell, HP e Lenovo.
Os equipos DGX Spark funcionan baseados nos superchips nVIDIA GB10, optimizados para un factor de forma compacto, cunha gráfica nVIDIA Blackwell con núcleos Tensor de quinta xeración e soporte de FP4, prometendo 1.000 TOPS (ou billóns de operacións por segundo) de IA, polo que poden ser unha ferramenta moi práctica para afinar modelos de IA.
O Superchip GB10 fai uso da tecnoloxía nVIDIA NVLink-C2C, que facilita comunicacións entre a CPU e a GPU con 5 veces o largo de banda da quinta xeración de PCIe, conseguindo un desempeño óptimo en fluxos de traballo que fagan un uso intensivo da memoria.
Ao estar apoiados estes equipos na plataforma de IA de nVIDIA, os modelos que se desenvolven no escritorio poden logo trasladarse á centros de proceso de datos ou á nube de nVIDIA sen apenas modificacións, o que axiliza moito o prototipado e a optimización dos modelos.
Os equipos nVIDIA DGX Spark xa poden reservarse a partir de hoxe, pero viñeron acompañados coa sorpresa de contar cun irmán maior, os nVIDIA DGX Station, que funcionarán cun Superchip nVIDIA GB300 e 784 GB de memoria unificada, o que abre a porta a moitas posibilidades, grazas tamén ao uso da tecnoloxía nVIDIA ConnectX-8 SuperNIC, que permite comunicacións en rede a té 800 Gbps para poder empregar varias DGX Stations en paralelo para grandes cargas de traballo. Está previsto que Asus, Boxx, Dell, HP, Lambda e Supermicro vendan estes equipos antes de rematar o presente ano.