1,3 millóns de euros para 32 proxectos TIC galegos con raizame na cooperación

martes, 29 de novembro do 2011 Redacción

As iniciativas empresariais tecnolóxicas postas en marcha e desenvolvidas a través do traballo compartido entre compañías e profesionais teñen un novo incentivo na nosa terra. Así nolo conta este martes a Secretaría Xeral de Modernización, que vén de dar a coñecer que achegará un orzamento de 1,3 millóns de euros para un total de 32 proxectos de devandita índole, chegándose a un financiamento de 41.000 euros para cada un deles.
Isto, informa Modernización, supón “un incremento medio por beneficiario dun 18,5% respecto a convocatoria de 2010”. Estas axudas forman parte do programa de subvencións para impulsar novas propostas galegas no mercado de índole tecnolóxica, programa que incluíu un orzamento de 4,8 millóns de euros en 2011. Volvendo ás subvencións ás iniciativas con raizame na cooperación, dicir que as 32 iniciativas beneficiarias céntranse na achega de solucións TIC para un bo número de actividades diferentes, que van dende a loxística portuaria á promoción empresarial nas redes sociais, pasando polo impulso ao comercio electrónico ou a atención ao cliente.

PUBLICIDADE