117 concellos galegos contan xa coa 5G de Movistar na banda de 700 MHz

venres, 27 de maio do 2022 Redacción

Movistar acendeu xa a 5G na banda de 700 MHz en 117 concellos galegos, repartidos entre os 49 da provincia da Coruña, 23 de Lugo, 18 de Ourense e 27 de Pontevedra. Continúan así os traballos de extensión desta rede en toda Galicia, tras a autorización por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para activar os equipos de radio desta banda de frecuencias.
A banda de 700 MHz, tamén chamada banda baixa, permite dar unha cobertura máis extensa, penetra mellor en interiores e universaliza algunhas das características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia.
O aceso do 700 MHz avanza deste xeito en Galicia de forma progresiva, como o fai en toda España, onde o obxectivo é terminar o ano con 1.400 municipios cubertos en 5G-700 e en 2023 chegar aos 2.400. En España, a cobertura xeral da 5G de Movistar, tanto en 700 MHz como noutras frecuencias, chega xa ao 82% da poboación, a todas as capitais de provincia e tanto ás grandes poboacións como a pequenas localidades de menos de 3.000 habitantes.

Un fito importante

A poxa da banda de 700 MHz en xullo de 2021 supuxo un fito importante para impulsar o despregamento da 5G en España. Telefónica resultou adxudicataria de 1 bloque por un importe total de 310 millóns de euros, o que lle vai a permitir consolidar o seu liderado en conectividade ao unir o impulso da cobertura 5G coa súa ampla rede de fibra.
O espectro 5G complétase coa banda milimétrica de 26 GHz, que está destinada a ofrecer as maiores velocidades e capacidades en espazos limitados ou en despregamentos concretos de altas prestacións. É a tecnoloxía de cobertura máis recente e non ten aínda data de licitación en perspectiva.

PUBLICIDADE