12 Lúas presenta un obradoiro de iniciación no gravado a través das novas tecnoloxías (e viceversa)

martes, 26 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

O colectivo tecnolóxico-cultural 12 Lúas está a presentar estes días unha máis que interesante actividade de ligazón entre dous mundos en aparencia afastados por algo máis que séculos: a técnica artística do gravado e as novas ferramentas da información. E dicimos “en aparencia” porque, unha vez máis, todo depende de como se mire: tecnicamente, unha boa parte da impresión dixital de hoxe deriva das prácticas de gravado máis antigas (xilografía, serigrafía), e socialmente, gran porcentaxe do artístico que xeran ambos mundos ten un aquel de popular, accesible e democrático. Coa idea de tirar partido dunha combinación máis estreita de ambos xeitos de expresión e comunicación ponse en marcha o Obradoiro Experimental Lueiro (iniciación ao gravado e ás novas tecnoloxías), proposta para maiores de 12 anos e a desenvolver en dous emprazamentos composteláns: o Taller do Paraná (para o gravado, os días 1, 5 e 5 de xuño) e a Casa da Asociacións/Antiga Estación de Cornes (para as novas tecnoloxías, os días 10, 11 e 12 de xuño).
A actividade, que terá un prezo de 40 euros por persoa, consiste en favorecerlles a todas e todos os participantes o escenario máis axeitado para iniciarse na era dixital a partir do gravado e viceversa. Máis polo miúdo, consistirá en formar un mural con todo o que as persoas inscritas desenvolvan a partir do gravado, interrelacionar unhas obras con outras e logo transformalo todo ao dixital. “A arte en todo o seu contexto e con a axuda do público, dará vida a unha obra creada baixo o lema de comunidade”, sinalan os responsables da iniciativa, o grupo 12 Lúas de creación cultural baseada nas novas tecnoloxías de balde de Internet (YouTube, Mindtouch Deki Wiki, Blogspot, Google Mail, Archive.org, Flickr e Facebook) coas licenzas Creative Commons.
Por certo que a actividade que presentan estes días desenvolverase coas xornadas do Roteiro de Creación que organizan os integrantes do Laboratorio de Creación Artística (LCA).

PUBLICIDADE