18,6 millóns de cidadáns conectáronse á Rede tódolos días en 2013

xoves, 6 de marzo do 2014 Redacción

O Observatorio Nacional das Telecomunicacións presentou esta semana o seu informe Perfil sociodemográfico dos internautas, unha investigación que en boa medida serve para coñecer quen emprega de verdade as novas tecnoloxías e quen, polas circunstancias que sexan (descoñecemento, imposibilidade de empregalas por eivas no servizo, problemas orzamentarios para acceder á Rede), non manexa esas tecnoloxías. Segundo se di no informe, 28,9 millóns de españois de 10 e máis anos accederon a Internet en polo menos unha ocasión durante o 2013, “o que supón un incremento do 3,7% e representa o 69,8% da poboación nesta franxa de idade”.
Por outra banda 18,6 millóns de persoas conectáronse todos os días. En termos relativos, o 66% da poboación de 16 a 74 anos usa Internet a diario ou cada semana. No estudo do ONTSI (dependente do Ministerio de Industria), dise que os mozos, estudantes e cidadáns con estudos universitarios, persoas con maiores ingresos e residentes en capitais de máis de 500 mil habitantes son os que máis utilizan Internet. A maioría deles faino para consultar o correo electrónico, e nesta orde, para descargar novas, revistas e xornais en liña, acceder a información sobre bens e servizos ou participar nas redes sociais. Os homes empregan Internet sobre todo para descargar software (excluídos xogos), consultar ou descargar información de actualidade en liña e declarar impostos. As mulleres, dise no estudo, “buscan informarse sobre temas relacionados coa saúde, utilizan a Rede para xestionar as súas matrículas universitarias ou de educación superior e consultan información sobre cursos ou formación”. Os máis novos emprégana para visitar webs relacionadas cos seus estudos e participar en redes sociais. Pola súa banda, os individuos de 25 a 34 anos tiran partido de Internet para participar en comunidades 2.0 ou buscar emprego, mentres que o uso predominante entre a poboación de 35 a 44 anos é o acceso aos servizos de banca electrónica. Os individuos entre 45 e 64 anos utilizan a Rede para declarar impostos, mentres que para a poboación de 65 a 74 anos o uso principal é o acceso ás páxinas de bibliotecas.

PUBLICIDADE