2.000 persoas pediron na Coruña a regulación das Enxeñarías Informáticas

mércores, 18 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Estudantes de Informática na Avenida de Alfonso Molina de camiño á Delegación do Goberno

A concentración de estudantes de Enxeñarías Informáticas convocado para a mañá de onte na Coruña foi todo un éxito, e preto de 2.000 persoas partiron ás 12:00 horas do Campus de Elviña cara á Delegación de Goberno local, onde realizaron unha sentada ata as 14:00 horas, cando se entregou no Rexistro un segundo coas súas demandas.
A esta mobilización non asistiron só alumnos da Facultade de Informática da Coruña, senón que tamén acudiron uns 200 estudantes de Ourense, que quixeron contribuír coa súa presenza a este acto no que se esixe a regulación académica e profesional das Enxeñarías Informáticas.
A mobilización da Plataforma Galega para a Defensa das Enxeñarías Informáticas conta co apoio dos colexios profesionais do sector (que contou con representantes na manifestación coruñesa) e supón un acto reivindicativo máis, dos que xa vimos dando conta nos últimos meses, que xurdiron co detonante da publicación de cadros de atribucións para as carreiras universitarias que se cursarán en España trala adaptación ao espazo europeo de educación superior, sendo as carreiras de Informática as únicas enxeñarías que quedaron fóra da definición das súas atribucións baixo o argumento de que a Informática é unha material transversal.

PUBLICIDADE