25 empresas galegas reciben formación sobre como e onde innovar

martes, 28 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Para un sector calquera, o proceso de crecemento pasa de xeito inevitable por sentar na mesma mesa cos demais sectores. Asemade, é fundamental a presenza dunha convidada de primeira: a innovación. Este labor de xuntanza I+D-resto do mundo, que se complementa con estreitas colaboracións e fluxo de coñecemento, é unha das bases da Rede Incopyme, iniciativa financiada con fondos europeos para reforzar a cooperación innovadora entre dous países irmáns: o galego e o portugués. Pois ben, dende esta iniciativa vén de xurdir un programa de orientación para achegar á I+D (Investigación e Desenvolvemento) a 25 empresas das catro provincias galegas dos máis diversos sectores: téxtil, eólico, biotecnolóxico, xestión medioambiental, enxeñaría ou TIC. A formación, que é especializada e de balde, inclúe o asesoramento de expertos da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.
En definitiva, a Rede Incopyme prepara ás empresas para sacar o meirande rendemento da innovación e postula que esta é un dos piares fundamentais da competitividade. De aí que un dos seus labores sexa a formación e achega de profesionais que se encarguen de divulgar e impulsar ese espírito de desenvolvemento: os xestores da innovación, “unha cualificación que comeza ter unha crecente demanda que irá aínda a máis na medida que as políticas de I+D se activen para superar a crise que estamos a vivir”, comentan. E engaden: “Perseguimos un obxectivo duplo: capacitar aínda máis ás persoas que xa traballan no eido da I+D e tentar que a xente que está en situación de desemprego teña unha oportunidade de incorporarse ao mercado laboral tras recibir unha formación innovadora”.
Nesta liña tamén se insire outra experiencia da Rede Incopyme, a desenvolver coa Universidade de Vigo: un curso de preparación de axentes da innovación (un total de 50 profesionais) que inclúe oito semanas de actividade nesta mesma cidade galega, máis polo miúdo na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. “O traballo dun xestor da innovación pasa por elixir socios para tomar parte en proxectos, dar conta da súa necesidade, da súa viabilidade, comunicar que se fai e xustificar os gastos; teñen que saber manexar a linguaxe da Administración para acadar axudas para financiamentos e de portas a dentro traballar para que haxa unha aposta nidia a prol da I+D”, comenta Juan Sobreira, director de Innovación Tecnolóxica da dita Fundación. Ao seu xuízo, na nosa terra estamos por debaixo de outras comunidades neste eido, cousa que non se pode solucionar mentres teñamos un esforzo investigador respecto do PIB de tan só un 1,1%. “É importante formar axentes da innovación que acheguen un diálogo fluído entre centos de investigación e empresas e que xeren colaboracións”, comenta.

PUBLICIDADE