30 anos da apertura ao público da primeira páxina web

luns, 23 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Tim Berners-Lee nunha imaxe do CERN

O 23 de agosto de 1991 foi o día no que a primeira páxina web, creada por Tim Berners-Lee o 6 de agosto, pasou de estar dispoñible dentro do CERN a estar accesible para todo o mundo, polo que hai quen considera que hoxe poderiamos celebrar os 30 anos da web pública, o que nalgún momento chegou a describirse como o Día do Internauta, pese a que non se celebre como tal na práctica.
Dende o propio CERN non teñen nada claras as datas que hai que celebrar relativas ao nacemento da web, xa que este protocolo de comunicación nacido nas súas instalacións desenvolveuse en numerosas fases entre decembro de 1990 e o 30 de abril de 1993 (sendo esta última data probablemente a máis importante, xa que foi cando se liberou o protocolo web para o seu uso libre).
Non deixa de ser curioso que unha das grandes ferramentas que facilitaron a popularización da Rede, infraestrutura desenvolvida dende os EE.UU., nacese en laboratorios europeos, aínda que é innegable que o pulo real da Internet chegou dende o outro lado do Atlántico, especialmente a partir do 30 de abril de 1995, que foi cando a Rede converteuse infraestrutura totalmente comercial.

PUBLICIDADE