4 novos personaxes para Marvel vs Capcom 3

luns, 11 de outubro do 2010 Marcus Fernández

A celebración da Comic Con en New York serviu a Capcom para confirmar 4 novos personaxes do seu agardado xogo Marvel vs Capcom 3: Fate of Two World, que non son outros que o carismático cabaleiro Sir Arthur da saga de Ghosts ‘n’ Goblins; Nathan Rad Spencer, o home cun gancho nun brazo que protagoniza os xogos de Bionic Commando; Magneto, un dos inimigos históricos dos X-Men; e, sorprendendo coma fixo Dormammu no seu día, tamén aparecerá no xogo MODOK, un malvado que tense enfrontado en numerosas ocasións co Capitán América, Hulk e Iron Man, entre outros, e que posiblemente foi elixido para saír no xogo por estar de actualidade grazas ás súas aparicións na serie de animación Super Hero Squad (emitida en España por Clan TV).
Pero estes non serán as únicas novidades que puidemos ver do Marvel vs Capcom 3, xa que veuse que Spider-Man vai contar con distintos uniformes: o orixinal, o traxe negro (un simbionte alieníxena), o de Iron Spider e un novo traxe que verase nos vindeiros meses na edición norteamericana dos comics do trepamuros. Pero este non será o único loitador con varios traxes, senón que nas últimas imaxes do xogo tamén podemos ver un traxe alternativo de Masacre, polo que dá a impresión de que a meirande parte dos personaxes poderán gozar de diversidade cromática nos seus deseños.
Marvel vs Capcom 3 non sairá á venda ata a primavera de 2011 en versións para Xbox 360 e PlayStation 3, no que parece ser un título que estará á altura dunha década de espera para a continuación desta icónica saga.


Os novos personaxes de Marvel vs Capcom 3 en acción

MODOK é toda unha sorpresa en Marvel vs Capcom 3
A incorporación de Magneto ao xogo era de agardar, pois o inimigo dos X-Men é todo un habitual na saga
O protagonista de Bionic Commando será un dos personaxes do novo xogo de loita de Capcom
Sir Arthur, fiel á súa imaxe, aparecerá no xogo tanto coa armadura coma en cirolas

PUBLICIDADE