40 do lanzamento do Macintosh

mércores, 24 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O 24 de xaneiro de 1984 foi unha data moi importante para os seareiros da Apple, xa que foi a data de lanzamento oficial do Apple Macintosh que máis adiante coñeceríase como Macintosh 128K, e que está considerado como o Macintosh orixinal (pois os anteriores ordenadores de Apple non adoptaran aínda esa marca), no que pode considerarse o inicio dunha liña de ordenadores persoais que conservou a marca até o Power Macintosh G3 e os Macintosh Server G4, para que a marca evolucionase o seu nome para ser simplemente Mac.
O Macintosh que hoxe cumpre 40 anos saíu á venda por 2.495 dólares (o que hoxe estaría preto dos 7 mil euros), o que era un abaratamento substancial fronte a outros equipos da época, e destacaba por unha interface gráfica nunha pantalla de 9 polgadas, converténdose tamén nun dos equipos que popularizou un periférico que hoxe consideramos imprescindible: o rato.
Tamén pode resultar curioso que o Macintosh fose un ordenador integrado na pantalla, ou sexa, un todo-en-un como serían logo os futuros iMac, e aínda que xogase un rol moi importante na popularización da informática persoal, resulta difícil ignorar que o seu éxito inicial durou pouco, dando lugar a unha época negra para Apple, que só recuperaría a súa luz co regreso de Steve Jobs á compañía, e non porque os Mac recuperasen a súa relevancia, senón por outros produtos da compañía como serían o iPod e o iPhone, que son indiscutiblemente os lanzamentos de Apple que tiveron maiores repercusións a nivel mundial, aínda que todo iso non sería posible se a compañía non se sustentase sobre os alicerces da informática persoal.
Pode resultar curioso que dende Apple non estean a celebrar oficialmente o 40º aniversario do Macintosh, pero probablemente se deba non só a que realmente os produtos estrela da compañía xa non son os ordenadores (aínda que manteñan un importante volume de vendas), senón polo feito de que estamos a dous anos do 50º aniversario de Apple, momento no que tería máis sentido botar a vista atrás e facer un repaso histórico da compañía da mazá.

PUBLICIDADE