A AELG convoca este sábado en Beariz unha nova xeira de documentación dixital do noso patrimonio oral

venres, 30 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Cartaz da actividade prevista en Xirarga, Beariz, para este sábado

A Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega segue adiante coa súa iniciativa a prol da conservación do noso patrimonio oral a través das novas tecnoloxías da información. Estamos a falar das polafías, pequenos anacos da nosa identidade e a nosa tradición que, de non ser polo traballo de persoas como os integrantes da dita asociación e polas posibilidades de transmisión e preservación das novas ferramentas dixitais, ficarían en auditorios reducidos e, co paso do tempo, no esquecemento. Como dixemos, o proceso de escolma segue adiante, un proceso no que, por certo, traballa arreo Antonio Reigosa, creador de Galicia Encantada. Aos traballos previos de rescate da nosa memoria por diversos puntos da xeografía galega cómpre engadir agora a xeira programada para Xirarga, no concello de Beariz. Será este sábado, ás 17 horas, no local veciñal de Doade, con entrada libre.
A cita, na que participarán, amais da veciñanza, o contacontos Celso F. Sanmartín e as pandeireteiras de Alén, servirá para materializar a polafía número 20 das que vén organizando a Sección de Literatura de Tradición oral da AELG por todo o país e dende o ano 2007. Coma nas anteriores ocasións, o encontro consistirá nunha reunión festiva onde se dará renda solta a todo tipo de contidos literarios e musicais, sendo o seu obxectivo o de pór en valor e rescatar do esquecemento o noso valioso patrimonio oral, neste caso o de Beariz. Nisto precisamente consiste a polafía, un neoloxismo que “quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns) con semellantes contidos”, informan os organizadores.
O encontro este sábado tamén contará, por suposto, coa colaboración das veciñas e veciños de Xirarga, que porán en xogo “o seu saber contar e cantar”. A actividade, coordinada como todo o proxecto polo escritor Antonio Reigosa, tamén vén apoiada pola Consellería de Cultura. Para quen queira participar, dicirlle que xa está na Rede o programa de actividades.
Volvendo ao termo polafía, dicir que unha das grandes particularidades que achega este tipo de xuntanza con respecto aos formatos tradicionais ten que ver directamente coas tecnoloxías. De feito, as novas canles e aparellos son un recurso de primeira orde para documentar o que se vai escenificando, favorecendo o arquivo e estudo do recompilado, tirando partido da Internet para a divulgación destas actividades e, en última instancia, do noso patrimonio.
Así nolo explica a organización: “O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais”. Con todo, cómpre ter en conta sempre o miolo da xuntanza e da actividade mesma, a súa razón de ser: os homes e mulleres, narradores, contadores, romanceadores, veciñas e veciños de cada lugar no que se desenvolva a polafía.
O que sucede nas polafías é gravado e logo difundido a través da web da Sección de Literatura de Tradición Oral na páxina da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

PUBLICIDADE