A AETG axudará á Cruz Vermella no avance dos seus servizos TIC

mércores, 14 de xuño do 2017 Redacción

Cruz Vermella en Galicia e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) asinaron hoxe un acordo de colaboración destinado a contribuír ao fomento da Sociedade da Información e o desenvolvemento do TIC en Galicia. Na formalización do acordo participaron a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez. Con este marco de cooperación, as enxeñeiras e enxeñeiros da AETG-COETG impulsarán e fortalecerán un dos principais eidos de traballo da devandita organización humanitaria: pór a innovación ao servizo das persoas mediante a posta en marcha de proxectos e solucións específicas.
Como lembraremos, a Cruz Vermella vai ser galardoada este venres durante a celebración da Noite da Enxeñaría en Informática do CPEIG. O colectivo profesional quixo recoñecer a repercusión acadada polo servizo de teleasistencia avanzada da ONG.
Volvendo ao acordo asinado hoxe, o acto serviu para facer un repaso polas traballos despregados pola Cruz Vermella en materia tecnolóxica: o devandito servizo de teleasistencia, a xeolocalización, a videoatención ou a proximidade. A idea é tirar partida do pacto coa AETG para “continuar esta liña de traballo, mellorando os servizos xa existentes e ofrecendo outros novos”.
Carmen Colmeiro fixo saber que as ditas ferramentas TIC da organización van dirixidas sobre todo ás persoas maiores ou ás persoas con diversidades funcionais ou motrices ou cognitivas. Colmeiro tamén lembrou que a Cruz Vermella ten “moi presentes ás súas coidadoras e coidadores” xa que estes servizos “resúltanlles igualmente útiles á hora de velar polas persoas dependentes e mesmo hai aplicacións especiais pensadas para elas eles”.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, pola súa banda, recordou que o seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e progreso da “nosa Comunidade Autónoma” a través “da potenciación das telecomunicacións, fomentando o desenvolvemento e a incorporación das novas tecnoloxías da comunicación e a Sociedade da Información”.
Coa sinatura deste acordo, dixo, a AETG-COETG empresta “especial atención á área socio-sanitaria na cal o fomento das novas tecnoloxías incide directamente na calidade de vida das persoas”.

PUBLICIDADE