A Administración preto de ti achegará os servizos da DXT aos concellos de menor poboación

luns, 19 de xuño do 2023 S. P.

O programa A Administración preto de ti, do Ministerio de Política Territorial, forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e ten como obxectivo achegar a Administración Xeral do Estado (AGE) ao territorio e facilitar á cidadanía que vive no medio rural o acceso aos servizos públicos sen necesidade de desprazarse a outras localidades, isto é: informar, formar e axudar ás persoas dos municipios de menor poboación na súa relación cos servizos públicos e co reto de facelo no seu lugar de residencia. Deste xeito, persoal das subdelegacións do Goberno desprázase a concellos de até 8.000 habitantes para informar á cidadanía dos trámites que pode realizar dende a súa casa e amosarlles a facer estas xestións de maneira dixital.
Como novidade dentro deste programa, o Goberno anuncia que engadirá os servizos da Dirección Xeral de Tráfico aos procedementos que achega á poboación dos pequenos concellos. Este programa de formación cidadá achegaba até agora asesoramento sobre os procedementos electrónicos da Administración Xeral do Estado, a Seguridade Social e o Servizo Público de Emprego (SEPE). Agora tamén se incorporan os trámites que xestiona a DXT relacionados, por exemplo, con: permisos de circulación ou coa propiedade de vehículos, incluíndo operacións de duplicado de permisos de circulación, baixas, cambios de enderezo e transferencias entre particulares, incluídos vehículos agrícolas.
A Delegación do Goberno en Galicia e as catro subdelegacións provinciais xa traballan na segunda fase do programa A Administración preto de ti, con actividades presenciais, nas que persoal dos distintos servizos explica como relacionarse dixitalmente coa Administración Xeral do Estado, a Seguridade Social, o SEPE e, agora, Tráfico. Nestas sesións, a cidadanía poder obter o certificado dixital imprescindíbel para a identificación electrónica ante a Administración e aprender a empregalo para as súas xestións máis habituais.
Durante estas semanas, as subdelegacións do Goberno están a trasladar aos concellos de poboación inferior a 8.000 habitantes de Galicia a posta en marcha da segunda fase deste programa. A participación dos concellos na mesma esixe a súa adhesión previa ao convenio marco asinado entre o Ministerio de Política Territorial e a Federación Española de Municipios e Provincias.
Engadir que o dito programa forma parte do Plan de Recuperación, Transformación en Resiliencia, e ten como obxectivo achegar a Administración Xeral do Estado (AGE) ao territorio e facilitar á cidadanía que vive no medio rural o acceso aos servizos públicos sen necesidade de desprazarse a outras localidades.
Na primeira fase, rematada no mes de marzo, o programa chegou a 239 concellos de Galicia con sesións formativas ás que asistiron 4.200 persoas. Nestas sesións tramitáronse 4.057 certificados dixitais ás persoas convocadas. O persoal que se encargou destas sesións percorreu máis de 24.600 quilómetros para achegarse aos concellos seleccionados.

PUBLICIDADE