A Asociación Socio-Pedagóxica Galega xa dispón de tenda na Rede

xoves, 3 de decembro do 2015 Redacción

Con máis de trinta anos de actividade a prol da renovación da docencia na nosa terra, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), vén de estrear tenda en liña. A entidade, que tamén é asociación cultural, xa achegaba produtos dixitais, pero agora terá tamén a disposición de calquera interesado tanto produtos físicos (libros, discos, vídeo) como produtos en formato dixital, especialmente os formatos epub. Deste xeito, a tenda da AS-PG ofrece unha interface web especialmente deseñada para se adaptar a todo tipo de dispositivos (computadores, smartphones ou tabletas).
O seu catálogo dispón xa dunha ampla escolma de libros, en papel e dixitais (ebooks), discos, musicais e de vídeo, de distintos xéneros, para todos os públicos e idades. Segundo fontes da propia Asociación está tenda está moi ligada á próxima aparición (tamén en formato dixital) da Historia da Literatura Galega, publicada hai xa tempo en fascículos e completamente esgotada, sendo intención da AS-PG publicar en formato ebook boa parte da literatura galega.
Para a lectura dos ebooks, a tenda da AS-PG incorpora un avanzado lector na nube integrado que permite o acceso inmediato á lectura sen necesidade de descargar nada nin instalar ningún programa adicional. Este lector achega as funcionalidades máis características das aplicacións de lectura, como o axuste das preferencias de usuario (tamaño da fonte, cores, interliñado...) ou o mantemento do estado de avance en cada libro, que ademais se sincroniza de maneira automática entre os distintos dispositivos dende os que un usuario ou usuaria accede á lectura.
Cómpre subliñar que o dito lector ofrece tamén a posibilidade de almacenar internamente os libros dixitais para continuar coa súa lectura mesmo cando non se dispón de conexión á Rede.
Os socios e socias da AS-PG disporán dun código persoal que lles permitirá beneficiarse dunha porcentaxe de desconto directo sobre calquera dos produtos editados pola propia Asociación Socio-Pedagóxica Galega (agás naqueles produtos que xa se atopan cun prezo en promoción).

PUBLICIDADE