A Asociación @asLAN organiza o primeiro foro do VII Tour Tecnolóxico ASLAN 2012

martes, 11 de setembro do 2012 Raquel Noya

Imaxe do Tour Tecnolóxico ASLAN celebrado na Coruña en 2010

A Asociación de provedores de sistemas de rede, internet e telecomunicacións, @asLAN, que na actualidade da acubillo a máis de 100 empresas de todo o territorio nacional, está a organizar unha nova edición do seu Tour Tecnolóxico ASLAN, que arrincará na Coruña o vindeiro día 19 de setembro.
Alí, no Hotel Hesperia Finisterre, celebrarase o primeiro foro que comprende este Tour, antes de facer parada en Barcelona, Sevilla, Valencia e Bilbao nos meses de outubro e novembro.
O obxectivo deste evento é promover e difundir as principais tendencias tecnolóxicas que se están a dar no mundo IP, sobre todo no tocante á virtualización, comunicacións unificadas, seguridade, centros de datos... así como a converxencia dixital sobre a Rede.
Todas as xornadas van dirixidas ao persoal responsable da área de tecnoloxía na empresa, tanto no eido público como privado, e esta primeira da Coruña será inaugurada polo director da Axencia Galega de Innovación da Xunta, Ricardo Capilla, quen estará acompañado de Ramón Bermúdez de Castro Olavide, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG).
O Foro A Coruña conta cunha completa axenda que tratará as últimas tendencias e aplicacións dispoñibles en Redes, solucións IP, seguridade, cloud computing, mobilidade... a través de relatorios impartidos por persoal das principais empresas do sector tecnolóxico, como Microsoft, Astein, APC, Flytech, Panasonic ou Allied Telesis, entre outras.
A asistencia a este foro, no que non faltará o sorteo de agasallos tecnolóxicos, é de balde previa inscrición na web oficial de @asLAN.

PUBLICIDADE