A Aula AMTIC de Ames organiza un curso de informática para a adaptación dixital

martes, 27 de febreiro do 2024 S. P.

A Aula AMTIC de Ames programou novas actividades tecnolóxico-formativas para o vindeiro mes de marzo. Así, acollerá un novo curso de informática que porá o foco en axudar aos asistentes a superar as barreiras dixitais e en lograr a súa plena autonomía no ámbito tecnolóxico e nos seus principais servizos, por exemplo os trámites en liña, a busca de información ou a comunicación. Este obradoiro impartirase os luns e os mércores a partir do 11 de marzo, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Ofrécense un total de 12 prazas, e o curso terá unha duración total de 20 horas.
Neste curso trataranse catro bloques principais: introdución á informática, no que se trataran algúns conceptos básicos e aprenderán a empregar os navegadores e o correo electrónico; uso do sistema operativo, cunha introdución a Linux, xestión de cartafoles ou configuración do escritorio, entre outros; procesador de textos, no que aprenderán a empregar Office; e uso do teléfono intelixente, onde se tratarán as súas nocións básicas e como navegar na Internet a través do móbil.
As persoas que estean interesadas poden tramitar a súa inscrición desde este 27 de febreiro. As prazas asignaranse por orde de recepción das solicitudes ata completarse. Para anotarse é preciso enviar esta ficha de inscrición ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal.
As inscricións tamén se poden facer de xeito presencial, acudindo ás instalacións da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (AMTIC), na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta: os luns e martes de 10.00 a 13.00h e de 16.00 a 20.00 horas. Os mércores, xoves e venres o horario é de 10.00 a 13.00 horas.

PUBLICIDADE