A Aula TIC da USC móstranos como impulsar o noso negocio en redes sociais e buscadores

martes, 30 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A Aula TIC PEME (Aula TIC PYMES) da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) vainos achegar en maio ás posibilidades das comunidades dixitais, dos buscadores e das ferramentas máis concorridas de comunicación online para facer despegar o noso negocio. Estamos a falar da cuarta edición do obradoiro en liña Impulsa a túa empresa en Internet: Redes Sociais e Posicionamento Web. Segundo nos lembran dende a aula, trátase dun taller cen por cen virtual que inclúe actividades prácticas e que está previsto que se desenvolva entre os días 3 e 29 de maio.
A aula recorda tamén que con este obradoiro os participantes “aprenderán a xestionar con éxito as principais redes sociais, Facebook, Twitter e Instagram, de xeito que a presenza da empresa nas mesmas incida de forma altamente positiva na imaxe e resultados a acadar”. Asemade, recordan que se trata dunha “actividade altamente demandada no mercado laboral na actualidade”, polo que “pretendemos cubrir con esta formación un dos perfís que están a solicitar as empresas dentro do seu persoal”.
Do mesmo xeito, durante a actividade formativa analizaranse as ferramentas precisas para optimizar a posición en buscadores dun sitio web, mellorando a visibilidade do mesmo nos resultados das diferentes ferramentas de procura de información, o que na súas siglas inglesas denomínase SEO (Search Engine Optimization).
O curso desenvolverase online, como dixemos, cunha duración total de 50 horas e a través dun espazo virtual habilitado para este fin no cal os participantes dispoñen dos materiais e da documentación necesarios. Cada participante conta cun titor que supervisará de forma pormenorizada a súa evolución e solucionará todas as súas dúbidas. O obradoiro diríxese sobre todo a pequenas e medianas empresas e autónomos, se ben pode ser realizado por calquera persoa maior de 16 anos. Unha vez superado con éxito, será entregado a cada participante o correspondente diploma acreditativo da Universidade de Santiago de Compostela.
O prezo xeral é de 90€. Calquera persoa vencellada no presente ou pasado coa USC (persoal, estudantes, investigadores, etc.) pagará 50€. Amais, haberá descontos especiais para grupos.

PUBLICIDADE