A Axenda Dixital 2014.gal creará 12.000 postos de traballo e incrementará o peso das TIC no PIB galego

xoves, 17 de xuño do 2010 Raquel Noya

Aumentar en 1.300 millóns a actividade económica no sector das TIC, incrementar en 1,2 puntos o peso do devandito sector no PIB e sobre todo, e máis importante, crear 12.000 postos de traballo en Galicia ata 2014 son, entre outros, os principais obxectivos que o Goberno galego quere cumprir a través da Axenda Dixital 2014.gal, autorizada hoxe mesmo na reunión do Consello da Xunta, onde primaban as axudas extraordinarias para reparar os danos ocasionados polas recentes inundacións en parte do país.
O presidente do noso Executivo, Alberto Núñez Feijóo, salientou que a Axenda Dixital 2014.gal “mobilizará 1.600 millóns de euros ata 2014”, unha cifra coa que se tratará de dar conta de todas as estratexias de Administración autonómica que o seu equipo ten programadas en materia de tecnoloxía.
O obxectivo é, segundo apuntou, “universalizar o acceso das persoas, as empresas e as administracións ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación, e que o sector TIC actúe como panca para saír da crise”.
Núñez Feijóo explicou que a Axenda Dixital de Galicia responde ao obxectivo do Plan estratéxico de “multiplicar por catro os recursos dedicados á Sociedade do Coñecemento” e sinalou as súas cinco liñas estratéxicas, que se resumen nas que seguen: a competencia dixital de cidades e empresas como unha das bases para a creación de emprego, o cambio profundo no modelo produtivo das nosas empresas, a modernización da Administración para facela máis eficiente, eficaz e próxima, a conversión do sector das TIC nun sector estratéxico de futuro, e a iniciativa da Xunta para actuar como un motor no ámbito das TIC.
No transcurso da súa comparecencia, Nuñez Feijóo engadiu que algúns dos obxectivos concretos desta Axenda Dixital son que en 2014 todos os expedientes administrativos da Xunta poidan tramitarse por Internet e que os traballadores públicos manteñan competencias dixitais para conseguir unha “verdadeira administración electrónica”.
A Axenda contempla asemade o “acceso a Internet para o 100 por cento da poboación, facer de Galicia un sitio no que investir en materia de TIC e conseguir que o primeiro consumidor das Tecnoloxías da Información no noso país sexa a Administración autonómica”.

PUBLICIDADE