A Axenda Dixital Local impulsará proxectos TIC nas vilas galegas

venres, 19 de outubro do 2012 Redacción

Unha folla de ruta para fortalecer proxectos TIC nas vilas galegas. Este é o cerne da Axenda Dixital Local da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal en cuxa elaboración está a traballar a Xunta, e que consiste, máis en detalle, nunha guía estratéxica para iniciativas que se apoien nas novas tecnoloxías co fin de empregar os recursos que teñan ao seu alcance de xeito eficaz e seguindo un modelo de participación. O traballo do Goberno galego nesta folla de ruta canalízase a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que traballa, ombro con ombro, co Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal.
O miolo da iniciativa foi debullado pola directora da Axencia, Mar Pereira, durante a nova edición de GaliciaTIC en Vigo, o encontro galego de profesionais das novas tecnoloxías que vén de chegar á súa décima edición.
Mar Pereira explicou que estas novas achegas tecnolóxicas emprazan ao sector TIC ante “un reto dunha enorme envergadura pero cun amplo abano de oportunidades”, sendo as novas tecnoloxías, neste panorama, elementos en si mesmos anticrise. De feito, todo apunta a que teñen potencial para fortalecer o tecido produtivo cando este sexa quen de saír da focha económica na que está inmerso. Ao seu xuízo, as novas tecnoloxías axudarán ao desenvolvemento da economía ao permitir un uso máis eficiente dos recursos.

PUBLICIDADE