A Biblioteca Ánxel Casal introduce aos maiores nas TIC

martes, 8 de xaneiro do 2019 Redacción

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal vai acoller un obradoiro de introdución ás novas tecnoloxías que, baixo o título Aul@ tecnolóxica de maiores, está dirixido ás persoas maiores de 55 anos co obxectivo de “integralas na sociedade facéndoas partícipes dela a través da formación en novas tecnoloxías”. O obradoiro porá o foco no uso de teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores portátiles, cun “carácter eminentemente práctico” de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá.
A actividade estará a cargo de Mar Torres Vilariño, voluntaria do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia. A actividade formativa Aul@ tecnolóxica de maiores comezará a súa andaina o martes 29 de xaneiro e seguirá o calendario escolar até rematar en xuño. O número máximo de participantes é de sete e precísase ter o carné de biblioteca. A actividade desenvolverase as terzas feiras (os martes) de 18.00 a 19.30 horas e as sesións terán lugar nas salas de traballo en grupo do terceiro andar.
O período de inscrición abrirase o 9 de xaneiro ás 8:30 horas e prolongarase ata o remate da actividade. As persoas interesadas poderán obter máis información e anotarse chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador do andar baixo. Así mesmo, poden consultar a páxina web da Biblioteca e o Facebook.

PUBLICIDADE