A Biblioteca Nacional aproveita Bubok para publicar os seus fondos

luns, 4 de maio do 2009 Raquel Noya

Hai agora aproximadamente un ano, nacía Bubok, un sistema de autopublicación e venda de libros que permitía que calquera usuario poidera cargar as súas propias creacións en formato PDF para obter unha copia impresa e poder vendela posteriormente a través da plataforma, cumprindo así o soño de moitos poetas, novelistas e afeccionados a escribir que desexaban ver as súas obras nas librarías de todo o mundo.
Agora, a Biblioteca Nacional vén de decatarse das amplas vantaxes desta ferramenta e acaba de asinar un convenio de colaboración con Bubok para a publicación e venda das súas obras incluídas na Biblioteca Dixital Hispánica.
Cunha media de edición de 500 libros mensuais, entre eles un bo número de novelas, Bubok tamén se ocupa de todo tipo de obras, dende libros de autoaxuda ata receitas de cociña, revistas ou temarios de oposicións, entre outras temáticas.
Agora, coa sinatura deste convenio coa Biblioteca Nacional, os usuarios da Biblioteca Dixital Hispánica poderán obter, de xeito doado, os exemplares impresos ou en formato electrónico que desexen do devandito fondo bibliográfico.
Bubok, que vén de redeseñar a súa web, leva publicados uns 8.600 libros por este método, permitiu a descarga de outros 35.000 e vendeu uns 27.000 libros en papel; unhas cifras que, de seguir así, multiplicaranse grazas a acordos tan singulares como o asinado coa Biblioteca Nacional, unha iniciativa que lle aforrará á entidade moitos millóns de euros na creación e posta en marcha dunha ferramenta similar propia.

PUBLICIDADE