A CEC aposta pola gamificación para o seu novo programa de emprego

mércores, 27 de xullo do 2016 Redacción

A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), en colaboración coa Fundación INCYDE, lanzou o seu novo programa para impulsar o emprego entre mozas e mozos menores de 30 anos de Galicia (e que tiveran rematado a súa andaina formativa). A iniciativa, Viveiro de Talento 2016, fomentará a empregabilidade por conta propia ou allea. Como gran particularidade, bota a camiñar cun xogo en liña que funciona a xeito de inscrición, de porta de entrada e de primeira xeira de adestramento. Trátase de Skywards Trials, un reto en liña no que cada participante deberá amosar os seus coñecementos e habilidades profesionais. Cousas como recursos para a comunicación ou para traballar en grupo.
Estamos perante unha clara aposta da CEC polo concepto de gamificación, que é a aplicación en múltiples eidos da vida real (e profesional) de metodoloxías propias das aventuras e retos gráficos. E todo co fin de incrementar a motivación, a rendibilidade, a participación e a eficacia.
Segundo informa a Confederación, mediante a aplicación deste xogo poderemos obter insignias (a xeito de chapas), mochilas ou diplomas que certificarán as nosas destrezas e que será posíbel recoller en diferentes xornadas de presentación do proxecto, que se celebrarán en setembro en varias localidades galegas.
De entre todos os participantes seleccionaranse 60. Estes entrarán no proxecto e recibirán un itinerario formativo de 90 horas, asesoramento de balde e personalizado, orientación para a procura de emprego e o autoemprego e prácticas laborais en start-ups galegas. Ademais, a CEC comprométese a garantir a inserción laboral entre as empresas que forman parte da Confederación.

PUBLICIDADE