A CMT forzará unha rebaixa nos prezos do ADSL

luns, 16 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Sede da CMT en BarcelonaA Comisión do Mercado de Telecomunicacións (CMT) vai modificar antes de rematar o ano o xeito empregado por Telefónica coma vendedor maiorista de conexións á Internet a través de ADSL, no que se coñece coma acceso indirecto ou GigADSL, de xeito que se producirá unha rebaixa substancial nos prezos que se agarda que chegue ós consumidores.
Actualmente hai máis de 650.000 usuarios contan con este tipo de conexións, e a CMT considera que os competidores de Telefónica non teñen posibilidades para reducir as súas tarifas sen que o organismo interveña nos prezos maioristas que lles cobra Telefónica.
Ata o momento Telefónica cobraba ós seus competidores sen rede propia o mesmo que ós seus clientes, aplicando un desconto (que era a marxe de beneficio) pero agora a CMT forzará a que cobren os custos reais para dar o servizo, que resulta ser bastante inferior, o que queda evidente cando vemos as ofertas dalgúns operadores con rede propia.
Este cambio do regulador beneficiará ós usuarios que actualmente non poden acceder ás ofertas de acceso que tanto anuncian nos medios de comunicación, que ofrecen accesos a pouco máis de 20 euros, e que resultan estar limitadas xeograficamente. De tódolos xeitos, as rebaixas que forzará a CMT non chegarán directamente ós usuarios, senón que serán as operadoras as que decidan a relación entre redución de prezos e incremento de beneficios, pero poderiamos estimar baixadas de ata 20 euros.

PUBLICIDADE