A CNC inicia un expediente sancionador contra Telefónica por prácticas anticompetitivas

xoves, 10 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A Comisión Nacional da Competencia (CNC) vén de incoar un expediente sancionador contra Telefónica Móviles España por posibles prácticas restritivas da competencia no ámbito da prestación de servizos móbiles a clientes empresariais. Ao parecer, o operador móbil aplicaba determinadas condicións de permanencia nos servizos de telefonía móbil, especialmente a autónomos e PEME, que limitaban de xeito inxustificado as posibilidades de cambio de provedor de móbil.
A investigación desta conduta iniciouse de oficio tras ter coñecemento das condicións de permanencia en determinados contratos de prestación de servizo, e tras analizar a información achegada pode afirmarse que existen indicios racionais da comisión dunha infracción do artigo 1 da Lei 15/2007 de 3 de xullo de Defensa da Competencia por parte de Telefónica.
A incoación deste expediente non prexulga o resultado final da investigación, abríndose agora un período máximo de 18 meses para a instrución do expediente e para a súa resolución por parte da CNC.

PUBLICIDADE