A COVID-19 forza ao peche das fábricas de Shenzhen durante unha semana

luns, 14 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Os problemas de subministración de compoñentes electrónicos parece lonxe de solucionarse, e aínda que parecía que en 2022 ía mitigarse a situación, a normalidade resístese a volver, e agora sorprende cun importante incremento de casos de COVID-19 nas cidades de Shenzhen e Shanghai, provocando a que as autoridades chinesas confinasen parcialmente eses territorios e suspendesen a produción en fábricas de electrónica tan importantes como a de Foxconn.
O transporte público en Shenzhen está paralizado dende a pasada noite e os negocios que non realicen tarefas esenciais teñen que suspender as súas operacións até o 20 de marzo, o que supón un importante impacto para o sector tecnolóxico, xa que nesa cidade están compañías como Huawei, Oppo, Tencent e TCL, e tamén radica un dos principais centros de fabricación de Foxconn, compañía que subministra compoñentes a marcas como Apple, Google ou Amazon, de xeito que os problemas no subministro de semicondutores a nivel global volverá a complicarse nas vindeiras semanas, para desgraza de numerosas industrias que incluso teñen que paralizarse ante a falta de compoñentes críticos para a súa actividade.

PUBLICIDADE