A CRTVG entrega os premios dos seus concursos convocados polo 25 aniversario

martes, 8 de xuño do 2010 Raquel Noya

Tal e como viñan anunciando os responsables da iniciativa ao longo da pasada semana, a aula audiovisual do Centro Multimedia de Galicia (CMG) acollerá mañá, mércores 9 de xuño, a entrega de premios aos gañadores dos distintos concursos que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Medios con motivo dos 25 primeiros anos de vida da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).
Deste xeito, o premio á mellor animación realizada nos cursos de stop-motion, que lembremos recaeu no grupo de 25 rapaces de 1º de Bacharelato do Instituto de Educación Secundaria (IES) Leiras Pulpeiro de Lugo, será recollido polos mesmos en Santiago de Compostela.
Por outra banda, tamén recibirán os seus galardóns os gañadores dos concursos relacionados coas novas canles de comunicación que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Medios, Que está a pasar nas aulas da Rede CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG e As grandes frases da dobraxe da Galega. O obxectivo do primeiro deses certames foi o de facer partícipes ás persoas asistentes a cada unha das actividades que se celebraron nas distintas aulas da Rede CeMIT, de xeito que puideron formular preguntas e suxestións ou dar a súa opinión sobre as mesmas a través da rede social Twitter, emitindo un tweet (comentario de Twitter), que quedaba reflectido nas distintas pantallas de cada unha das aulas nas que se realizaba unha actividade.
No segundo concurso, encamiñado a atopar a frase máis célebre da dobraxe na Televisión de Galicia, resultou elixida a emblemática Vai rañala, raparigo, de Terminator, recibindo o autor da proposta unha videocámara dixital. Este concurso decidiu conceder premios tamén á promoción viral a aqueles que máis empregaron as etiquetas propostas, que serán agasallados cun reprodutor blu-ray e un disco duro externo.
O acto de entrega de premios pon o broche final ás actividades organizadas pola Secretaría Xeral de Medios para celebrar os primeiros 25 anos do ente autonómico, que incluíron, ademais, visitas de personaxes famosos da radio e da televisión galegas e exposicións fotográficas nas aulas da Rede CeMIT das sete principais cidades.

PUBLICIDADE