A Cámara de Santiago e Javier Rocamora achegan as claves da publicidade nas redes sociais

xoves, 15 de decembro do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza este Nadal unha nova actividade formativa para mostrarnos como manexar as comunidades en liña e os buscadores co obxectivo de dar a coñecer a nosa empresa e os nosos produtos. O curso Publicidade en Redes Sociais e Google celebrarase entre o luns 19 de decembro e o venres 23 de decembro de 2022. Serán 20 horas de formación, en horario de 9.00 a 15.00 horas, impartidas en modalidade en liña polo experto e novas tecnoloxías e comunicación dixital Javier Rocamora. Ao remate entregaranse certificados acreditativos das competencias alcanzadas a tódolos participantes que asistan ao 80% da actividade formativa.
O programa incluirá entre outros os seguintes contidos: características diferenciadoras da publicidade online (segmentación, pagamento por resultado, información exacta do alcance, capacidade de modificación sobre a marcha), tipos de publicidade en liña (anuncios de texto, imaxes, vídeo, publicacións promocionadas, anuncios de shopping), tipos de campaña (tráfico, branding, campañas de produtos específicos), o custe da publicidade en liñas, como desenvolver unha estratexia de mercadotecnia ou a importancia dunha mensaxe diferenciadora, no texto e no visual. Tamén haberá marxe para mostrar exemplos de éxito publicitario en redes sociais de grandes e pequenas empresas, a publicidade en Google e nas redes sociais máis específicas ou exemplos de estratexias publicitarias de éxito. Igualmente, tocarase a cuestión dos influencers e das vantaxes e dos inconvenientes que pode carrexar contratalos.
Javier Rocamora
Formador con máis de 2.500 horas impartidas e consultor autónomo na área de estratexia empresarial e mercadotecnia en liña, xestión de redes sociais e comercio electrónico. Axente digitalizador homologado por Red.es para as solucións do Kit Dixital. Consultor en mercadotecnia en liña e comercio electrónico. Forma parte do proxecto de coworking virtual www.as3enpunto.es. Desenvolveu proxectos en diversos sectores e posúe ademais unha dilatada traxectoria como relator en mesas redondas, ciclos de conferencias, encontros e congresos sobre marketing, estratexia en liña e redes sociais, conta igualmente cunha ampla experiencia como formador en programas destinados a empresarias e/o directivas no ámbito da estratexia e a mercadotecnia.
O curso está organizado pola Cámara de Santiago en colaboración co Concello.

PUBLICIDADE