A Cámara de Santiago e Javier Rocamora mostran como sacar partido das redes sociais para atraer clientes

mércores, 3 de abril do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago segue adiante coas súas actividades de transformación tecnolóxica para as pequenas e medianas empresas e as persoas autónomas da demarcación, centradas en axudalas a tirar proveito das novas ferramentas para incrementar presenza, competitividade e rendibilidade. O vindeiro 11 de abril a Cámara volverá convocar ao experto Javier Rocamora para impartir a xornada en liña (e gratuíta) Como mellorar a eficacia das redes sociais como ferramenta de atracción de clientes. Aproveita o Kit Dixital. Celebrarase en horario de 10.00 a 11.20 horas. Incluirá a presentación da Oficina Acelera PEME para o Kit Dixital de Red.es, da que forma parte a Cámara de Santiago.
Os contidos serán os seguintes: como auditar as redes sociais (que estou a facer e cales son os resultados?); como interpretar as estatísticas (en que datos teño que fixarme máis?); como definir o target (para quen estou a falar); como dar á imaxe e ao vídeo o papel principal que lles corresponde; como aproveitar o algoritmo das redes sociais; como aprender a escoitar antes de falar (que fan os meus competidores? de que falan os meus clientes?); como fomentar a interacción (tipos de interacción e xerarquía); como romper o efecto Friends and Family; como redeseñar a mensaxe; e como investir en publicidade nas redes sociais. Rematará cunha quenda de preguntas.
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia na mercadotecnia dixital, na xestión de redes sociais e no comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 en Punto. Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera PEME para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE