A Cámara de Santiago premia un proxecto de comida caseira online e unha axencia de deseño web

luns, 18 de decembro do 2017 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregou o pasado venres os seus galardóns de emprendemento, uns recoñecementos dirixidos a promover novas propostas, visualizándoas, e fornecer apoios para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación. O IV Premio Camiño do Emprendemento 2017, que contou co patrocinio de ABANCA, saldouse distinguindo un proxecto de comida caseira e online, por unha banda, e máis unha axencia de deseño gráfico, web e audiovisual, pola outra. Trátase das novas propostas innovadoras El Comedor e máis 4BajoCero.
Asistiron ao acto de entrega de diplomas, que se celebrou na sala de xuntas da entidade compostelá, o presidente da Cámara, Jesús Asorey; o director de Negocio Institucional de ABANCA Galicia, Asturias e León, José Lino Comesaña; o director da Oficina de Relacións con Institucións de ABANCA, Álvaro Rodríguez Cabo; o secretario xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros; e a responsable do viveiro de empresas de Costa Vella, Rosa Cardeso.
Segundo se fixo saber, o premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos. Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes (a concesión do financiamento estará suxeita, en todo caso, á previa análise do risco por ABANCA).
Durante ese tempo, os emprendedores, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e loxística, recibirán servizos de acompañamento, consultoría e asesoramento dos seus proxecto empresariais “coa finalidade de favorecer a súa arrincada, creación e consolidación e mellorar así as súas expectativas de implantación e supervivencia empresarial”.
El Comedor. Comida rápida, sana y barata é un proxecto ideado polo empresario Carlos Alberto Balboa Castelo. Actualmente, dirixe o restaurante La Fábrica no Milladoiro (Ames), no que ofrece aos clientes comida caseira e elaborada a través do sistema de autoservizo para consumir no establecemento. E partindo deste xerme inicial, apostou pola ampliación do negocio con novas fases complementarias: a creación dun mostrador de comida para levar (envasada ao baleiro con sistemas innovadores de embalaxe) tan só como punto de venda; unha máquina de autovending no exterior onde os clientes poidan mercar as 24 horas do día; e o reparto a domicilio con furgoneta da comida envasada ou o envío de pedidos online a través dun servizo de paquetería refrixerada para terceiros comercializadores.
Os mozos Pedro Maceira, Antonio Millán e Alfonso Maceira crearon recentemente a empresa 4 BajoCero, unha nova axencia de publicidade multidisciplinar que ten como obxecto cubrir todas as necesidades de comunicación das pequenas e medianas empresas, aportando ás compañías un servizo de imaxe, visibilidade, reputación e posicionamento na Rede e, máis polo miúdo, nos busdadores. Tendo como zona influencia a área metropolitana de Santiago, os tres profesinais realizan tarefas de deseño gráfico e web, fotografía audiovisual, comunicación e mercadotecnia.

PUBLICIDADE