A Casa das Atochas será a protagonista dunha obra audiovisual colectiva

mércores, 1 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A cultura e as novas tecnoloxías van xuntas coma auga e canle. Falar disto por separado ten cada vez menos terra firme, do mesmo xeito que un proxecto artístico e colectivo que non incluíse maneiras de traballar propias das comunidades en liña e emprego de novas ferramentas libres da expresión e da distribución. Na liña de presentar a cadea por enteiro é na que se insire a nova proposta que vai acoller a Casa das Atochas, o centro cultural do barrio coruñés do mesmo nome. A iniciativa consistirá nunha obra colectiva con firmes raizames no espazo do que xorde. De feito, trátase de plasmar en formato audiovisual á propia Casa das Atochas. Na obra participarán cineastas, escritoras/es, xornalistas e programadoras/es.
Entre as/os integrantes do equipo, atopamos a Miguel Castelo, Marcos Nine, Alberte Pagán, Eloy Enciso, Ángel Rueda, Ana Domínguez, Anxela Caramés, Gustavo Balza, David Castro Sopeña, Xurxo Chirro, Xosé Bocixa, Ramiro Ledo, Iago González, Xan G. Viñas, Aurelio Castro e os poetas Xiana Arias, Alexandre Cancedo e Xoán Abeleira.
Eles e elas serán as encargadas, aproveitando a efervescencia da proxecto sociocultural enmarcado no coruñés barrio das Atochas/Monte Alto e iniciado no ano 2008, de realizar un filme de episodios cunha liña común de compromiso, tentativa de reflexo de experiencias socioculturais independentes, acompañado da exploración por unha linguaxe audaz, plural e iconoclasta”, informan dende a Casa das Atochas. Cómpre sinalar que non se vai tratar dun filme pechado, senón que virá acompañado de todo tipo de intervencións a celebrar por estes e outros axentes nos vindeiros meses. A obra resultante será unha obra de episodios arredor dun eido temático común: o dito centro cultural galego.

PUBLICIDADE