A Casa de Campás amosa como converter en dixital unha empresa ou ONG “analóxica”

xoves, 10 de marzo do 2016 Redacción

A Casa das Campás (Campus de Pontevedra) está a acoller estes días un curso sobre como contribuír a dixitalizar da maneira máis axeitada posíbel empresas, entidades e organizacións sen arela de lucro. O punto básico do obradoiro é amosar a orixe e os procesos da transformación dunha actividade á que estamos afeitos a ver en clave “analóxica” ao eido en liña. O curso, impartido pola xornalista Jose Piñeiro (doutora en Investigación en Comunicación pola UVigo), desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Dixitalización de negocios para PEME e ONG. Está a participar nela (dende febreiro) unha ducia de persoas, afondando en cousas tan variadas e específicas como por exemplo a creación dunha tenda virtual ou como xestionar provedores ou facturas coa axuda das TIC. Ou, tamén, como pór en marcha novos espazos de comunicación máis áxiles e accesíbeis.
Un dos eixos deste taller de 30 horas de duración é achegar ao alumnado a unha serie de ferramentas e recursos de balde que, no caso das empresas, permitiranlles “estar preparadas para a contorna que xa está a envolvelas, entendela e ser capaz de operar nela”, sinala a profesora Piñeiro, que tamén salienta a importancia outorgada ás TIC no que “na Unión Europea se denomina a Cuarta Revolución Industrial”. Entre outros moitos obxectivos, o curso abrangue un desafío concreto: facer posíbel que o alumnado leve á práctica os coñecementos adquiridos durante a estadía formativa. Ou sexa, que os participantes arrinquen “cun proxecto dende cero”. A idea, sinala Piñeiro, “é que cada alumno faga o seu proxecto, porque desta maneira exploramos máis posibilidades e aprendemos a partir de distintos modelos”.

PUBLICIDADE