A Cátedra R celebrará os seus 5 anos entregando novamente os seus premios en ciberseguridade

martes, 31 de outubro do 2023 S. P.

A Cátedra R en Ciberseguridade -primeira cátedra interuniversitaria galega- colabora un ano máis co encontro CIBER.gal, o foro da Xunta de Galicia a prol da seguridade dixital, que celebra a súa terceira edición no edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela os días 2 e 3 de novembro.
Impulsada polo operador galego e as universidades da Coruña e Vigo, a Cátedra R en Ciberseguridade ratifica con esta e outras actividades a súa aposta pola colaboración público privada para “avanzar e facer fronte ás inxentes ameazas e perigos que nos atenazan en contornas dixitais a particulares e empresas”.
Galardóns 2023 da Cátedra R en Ciberseguridade
En paralelo a estes cinco anos de actividade que a Cátedra R fai en decembro, o vindeiro venres 3 entregaranse os V Premios Cátedra R en Ciberseguridade UVIGO-UDC na Cidade da Cultura de Santiago. Segundo explican fontes da operadora galega, no marco do devandito foro CIBER.gal da Administración autonómica volverase pór o foco “na necesidade de formar e concienciar a cidadanía e empresas sobre a importancia de protexernos nas contornas dixitais onde convivimos de maneira ineludíbel na actualidade”.
Ademais de impulsar actividades para crear espazos de debate e difusión das actividades docente e investigadora no ámbito da ciberserguridade, a Cátedra R organiza os devanditos premios aos mellores traballos académicos e de investigación nesta área estratéxica dos nosos días. Coa entrega destes recoñecementos porase este ano o colofón ao foro CIBER.gal, tras dúas xornadas de debates, charlas e concursos ao fío dos riscos, perigos, desafíos e oportunidades que se nos expoñen e aos que debemos enfrontarnos no contexto actual.
As distincións outorgaranse aos traballos académicos a nivel de Grao e Máster:
-2 premios de Traballo Fin de Grao: 400 € cada un.
-4 premios de Traballo Fin de Máster: 600 € cada un.
Incentivando investigación e talento: un lustro pola viberseguridade
R define a media década de actividade da Cátedra como “cinco anos de traballo intenso e numerosas actividades que sitúan a Cátedra como referente galego para a divulgación da ciberseguridade e o fomento das profesións relacionadas con este eido ao compás das necesidades do mundo dixital, que cada vez o demanda con máis urxencia. Un lustro que pon de manifesto tamén a capacidade de articular un proxecto de calado social conectando o público e o privado, o sector académico das Universidades da Coruña e Vigo e a parte de empresa que pon R; ambos os sectores camiñando xuntos cara a unha meta, aliñando os obxectivos de investigar, divulgar e fomentar talento nesta área”.
De feito, a Cátedra R puxo en marcha o primeiro evento de referencia sobre Ciberseguridade en Galicia, coas súas dúas edicións de Cybesec@gal, en 2018 e 2019, foro do que tomaría a remuda en 2020 CIBER.gal, o nodo da Xunta de Galicia a favor da seguridade dixital.
E, ademais das cinco edicións dos Premios Cátedra R en Ciberseguridade, neste tempo articuláronse tamén máis dunha decena de patrocinios, entre os que destacan este ano os das VIII Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade (JNIC) e o do equipo galego nas II Olimpíadas
Nacionais de Telecomunicacións, entre outros.
Xunto a iso, a Cátedra R organizou paneis de debate diversos e velou polo fomento do talento novo no ámbito universitario, e das profesións STEM como caldo de cultivo imprescindible para seguir avanzando no terreo da Ciberseguridade a todos os niveis.
Tamén participou en concursos como o Capture The Flag, organizado polo CITIC; e, ante o éxito da iniciativa, a Cátedra R traballa xa cara a 2024 co citado centro tecnolóxico da Universidade da Coruña e con AtlanTTic da Universidade de Vigo, nun encontro que se enfoca no terreo do talento en Ccberseguridade. Dirixirase a graduados/as en informática e Telecomunicacións de ambas as Universidades e a estudantes do ciclo superior en Ciberseguridade e Sistemas.
Ciberseguridade: necesidade das pemes, prioridade de R
A seguridade dos sistemas e a protección dos datos converteuse en prioridade para as compañías galegas, tamén pequenas e medianas, cada vez máis conscientes de que un ciberataque pode supor igualmente para elas grandes perdas de información, de recursos e mesmo de reputación; por iso, segundo explica a operadora R, “é esencial dispor dun acceso a Internet con solucións de ciberseguridade avanzada que farán máis seguros os dispositivos e a información sensíbel e fundamental do negocio”. Neste senso, R recoñece ter traballando arreo dende a súa área de empresas para responder ao devandito mediante solucións específicas en cada caso; “e non só en grandes corporacións senón tamén nas pemes do territorio”. Desta forma, a operadora galega pon a disposición de máis de 7.000 empresas galegas pequenas e medianas servizos de ciberseguridade, con accesos a Internet dotados de solucións avanzadas capaces de asegurar esa información crítica da empresa, como o soporte dun experto dixital e medidas para protexer a rede, a tecnoloxía e os datos do cliente empresarial fronte a ataques de virus e malware.

PUBLICIDADE