A Cátedra Vida Saudable lanza un certame de vídeos en redes sociais

xoves, 25 de xaneiro do 2024 S. P.

Neste mes de xaneiro botou a andar a primeira edición do certame ao Vídeo TikTok, Instagram ou Youtube Cátedra Institucional Vida Saudable. Nel, cada persoa participante poderá concorrer cun único vídeo no que deberá presentar a elaboración dun prato san, ben sexa un primeiro, un segundo ou unha sobremesa. Poderán inscribirse estudantes en calquera titulación de grao, mestrado universitario ou doutoramento das tres universidades públicas galegas. O vídeo deberá publicarse en, polo menos, unha das seguintes plataformas: TikTok, Instagram ou Youtube (vídeo tradicional ou modalidade Youtube Shorts) co cancelo #catedravidasaudableUSC.
Con este certame, preténdese fomentar a difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudábel, cumprindo deste xeito cos fins para os que foi creada a Cátedra. No caso das plataformas Instagram e Youtube, debe ser mencionado, no descritor do vídeo, o perfil oficial da Universidade de Santiago de Compostela. O vídeo poderá ter un ou varios autores pero neste último caso deberán estar etiquetados no vídeo. Ademais, no caso de que o vídeo non estea gravado en galego deberá estar subtitulado neste idioma.
As solicitudes presentaranse a través do rexistro electrónico da USC mediante o procedemento “solicitude xenérica” e dirixiranse á Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación indicando no asunto “I Premio ao Vídeo TikTok, Instagram ou Youtube Cátedra Institucional Vida Saudable”, achegando os documentos requiridos nas bases do certame.
Outorgaranse dous premios de 200 e 150 euros en cada unha das tres categorías: primeiro prato, segundo e sobremesa. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 2 de abril de 2024. Todas as consultas relativas ao premio poden trasladarse a través do enderezo electrónico catedra.vidasaudable@usc.gal.

PUBLICIDADE