A Cidade da Cultura acolle este venres as Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos

xoves, 24 de outubro do 2013 Redacción

A Cidade da Cultura de Galicia acolle este venres 25 de outubro as terceiras Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), sendo a sede deste organismo no monte Gaiás o emprazamento elixido para o desenvolvemento dos encontros. Por certo que estes xa contaban esta semana con máis de 100 profesionais inscritos, procedentes de dous ámbitos de actuación (as TI e máis o ámbito xudicial e policial) que cada vez establecen máis canles de colaboración, en boa medida polo incremento dos delitos relacionados coas TI e tamén pola potencialidade das propias TI como instrumentos da investigación.
Segundo informa o CPETIG, estas xornadas son xa “un referente para técnicos e xuristas relacionados coa ciberseguridade e a investigación e persecución de delitos efectuados a través das novas tecnoloxías da información”. Os encontros desenvólvense este ano baixo o epígrafe Ciberseguridade e sistemas forenses de intrusión: PRISM e troianos, ata onde?
O programa
O maxistrado e xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco; o galego Manuel Álvarez Sobredo, responsábel de implantación do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3); David Maeztu, avogado especializado en TI; o capitán Alberto Redondo, xefe do Grupo de Delitos Tecnolóxicos da Guardia Civil; Marta García de la Concha, fiscal especializada en Criminalidade Informática; e Joaquín Silguero, secretario xeral de Administración da Xustiza, tratarán ao longo de todo o día (dende as 9 horas) e dende distintas ópticas o eido da investigación dos delitos informáticos, amais de achegar aos asistentes os últimos avances en materia probatoria forense. A encargada de inaugurar os encontros será Mar Pereira, directora de AMTEGA. O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, será o responsábel da súa clausura.
Curso práctico de peritaxes e informática forense
Sinalar que amais das ditas Xornadas de Informática Xudicial, o CPETG xa ten entre mans outra actividade de divulgación relacionada coa investigación policial, desta volta cunha orientación máis clara cara a formación. Esta actividade, xurdida igualmente ao abeiro do convenio con AMTEGA para a realización de actuacións de promoción TI, é o curso práctico de Peritaxe e Informática Forense que se celebra este mes de novembro e que se dirixe sobre todo a enxeñeiros técnicos e enxeñeiros en Informática.

PUBLICIDADE