A Cidade da Cultura acollerá o XV Encontro Estatal de Telecentros

venres, 11 de marzo do 2016 Redacción

A semana que vén, o 15 de marzo, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, inaugurará na compostelá Cidade da Cultura o XV Encontro Nacional de Telecentros, que se celebra baixo o lema Impulsando a túa capacitación dixital. Detrás desta proposta atópase a Asociación Nacional de Redes de Telecentros (co apoio da AMTEGA) e con ela preténdense coñecer as principais accións estratéxicas das Redes de aulas para a formación dixital e potencialas como ferramenta para mellorar as competencias dixitais, a empregabilidade e impulsar a innovación social dixital. Nesta xuntanza participarán máis de 100 profesionais relacionados co desenvolvemento da Tecnoloxía da información, industrias do sector, organismos públicos e privados de Galicia, España e Europa, innovadores, usuarios e comunidades locais do eido local das aulas CeMIT galegas.
E indo ao programa deste encontro, dicir que se celebrarán catro mesas de debate. Na primeira tratarase a acreditación de competencias dixitais, expoñendo a experiencia galega do CODIX (Certificación de Competencias Dixitais en Ofimática), xunto co modelo andaluz de formación en competencias dixitais, Guadalinfo. Esta mesa pecharase coñecendo o papel e as iniciativas de Telecentre Europe sobre este tema e o seu posicionamento no informe europeo DIGCOMP, o marco común para o desenvolvemento de competencias dixitais en Europa.
Na segunda das mesas analizarase o programa europeo de fomento da empregabilidade, FIT4jobs. Asemade, a directora de Formación de Fundación Tecnoloxías da Información de AMETIC falará sobre os Os perfís profesionais da transformación dixital.
A terceira das mesas abranguerá proxectos de innovación social dixital como CeMIT-innova, impulsada pola AMTEGA en 2015 e que conseguiu desenvolver 9 iniciativas de innovación social dixital en 9 aulas da Rede CeMIT.
O programa do encontro complétase co obradoiro práctico: Transformando Ideas… para mellorar a nosa contorna local. DesignThinking para a Innovación social dixital nas redes de telecentros, onde se verán os resultados dos pilotos que xa se executaron na I Edición CeMIT-Innova 2015.
Cómpre subliñar que a inscrición é de balde e poderá efectuarse a través desta ligazón da Rede CeMIT.
O encontro das redes de telecentros terá un formato de workshop aberto, participativo e que poderá seguirse en Twitter cos hashtag #15Encuentro e #Telecentros, vía streaming e que recollerá todas as achegas no storify da comunidade de telecentros na web da get online week.

PUBLICIDADE