A Cidade da Cultura emitirá polas redes unha lectura colectiva da obra de María Victoria Moreno

xoves, 3 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Este ano, máis ca nunca, semella que a celebración do Día das Letras Galegas vai ter na Rede e nas comunidades dixitais un dos seus máximos centros de actividade. Se onte falabamos do concurso de microrrelatos convocado no Facebook por Política Lingüística e Feiraco, hoxe é a quenda de lembrar outra das grandes accións conmemorativas do 17 de maio: a emisión polas redes dunha lectura participativa da obra da escritora homenaxeada nesta edición, María Victoria Moreno. Con estas accións e outras das que iremos dando conta estes días, estamos ante a confirmación definitiva do potencial dos servizos dixitais como altofalante conmemorativo da cultura de noso e como xanela ao mundo de aquilo que queremos preservar.
Volvendo á lectura participativa, sinalar que terá o epicentro na Cidade da Cultura de Galicia e que será emitida en liña polas redes sociais co obxectivo (en palabras da entidade organizadora) de que “cheguen a calquera recanto do mundo as creacións de María Victoria Moreno, pioneira da narración en galego para as xeracións máis novas”.
A actividade Eu conto, título baseado nunha publicación da escritora, desenvolverase en diferentes espazos da Cidade da Cultura. A idea é tirar proveito dos visitantes que reciba o complexo do Gaiás o 17 de maio, feriado en Galicia, que serán convidadas/os a facer unha breve lectura dun fragmento da creación literaria de María Vitoria Moreno (contos, ensaio, poesía ou narración) que elas/eles escollan libremente da escolma realizada anteriormente por Sara Alonso Pimentel, especialista na obra da autora.
Estes anacos de lecturas serán emitidos en liña polas diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook, Twitter e Instagram) como “un xeito de achegar as creacións da homenaxeada coas Letras Galegas a calquera recuncho do planeta”. Unha vez rematado o 17 de maio, editarase un vídeo con todos os fragmentos, que quedará para o recordo desta conmemoración na páxina web www.cidadedacultura.gal.

Actividades na Biblioteca de Galicia

Á celebración do Día das Letras Galegas da Cidade da Cultura tamén se sumará a Biblioteca de Galicia que este mesmo sábado, día 5, xa organiza a primeira das actividades conmemorativas. Trátase dun obradoiro literario-creativo que leva por título unha das obras infantís moi coñecidas de María Vitoria Moreno como é Leonardo e os fontaneiros.
Esta actividade ten como obxectivo traballar a promoción dos hábitos lectores dun xeito lúdico e participativo, “no que os rapaces e as rapazas sexan parte activa do relato”; para iso empréganse xogos, enigmas, novas tecnoloxías, retos e probas. Completará este obradoiro, o espectáculo familiar de monicreques do 19 de maio, María e os ollos alabarados, tamén baseado nun título da escritora, a cargo de Xarope Tulú.

PUBLICIDADE