A Clínica Cobián achega aos seus usuarios a tecnoloxía de comunicación avanzada de ClepIO

luns, 4 de xaneiro do 2016 Redacción

Os responsábeis de ClepIO, ferramenta para a autoxestión de contidos de saúde, veñen de asinar un acordo de integración coa Clínica Cobián da Coruña, centro referencial galego no ámbito da atención xinecolóxica e da nenez. Esta alianza, sinalan dende ambas empresas, permitirá a todos os usuarios de ClepIO que acudan a este centro dispor de toda a súa información de saúde “de forma automática e accesíbel nos seus móbiles, tabletas ou PC e sen necesidade de introducir os datos manualmente”.
O obxectivo da Clínica Cobián con esta aposta pola dita tecnoloxía avanzada é “dar un paso firme na optimización da comunicación entre pacientes e médicos de maneira que se estableza unha relación enriquecida de forma automática en ambos os sentidos, entre o rexistro persoal de saúde do paciente e a súa historia clínica no centro”. Este labor de optimización da comunicación abranguerá accións concretas como o almacenamento seguro na plataforma ClepIO de toda información que se xere da saúde de nai ou do bebé: imaxes de ecografías, resultados de analíticas ou informes médicos, entre outros. Todos estes contidos estarán a disposición do paciente para a súa consulta cada vez que o desexe.
ClepIO posibilita, ademais, recibir notificacións no móbil para avisar cando e como se debe tomar un medicamento ou que día hai que asistir a unha cita. Ao mesmo tempo, permite subir anotacións e fotografías propias sobre a evolución de calquera doenza, xestionar as citas dos cativos e o seu calendario de vacinas. Segundo o doutor Fernando Cobián, “esta iniciativa sitúa á nosa clínica á vangarda no uso de innovacións tecnolóxicas para a mellora da saúde”. E engade: “Cómpre ter en conta que as novas xeracións de pacientes que acoden ao noso centro utilizan a diario os móbiles e os dispositivos medidores de parámetros de saúde, e os profesionais non podemos ficar atrás desta realidade”.

PUBLICIDADE