A Comisión Europa presenta un novo borrador sobre o futuro do roaming

mércores, 21 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O borrador do regulamento para o remate do sobrecusto do roaming na Unión Europea, que establecía límites de 90 días ao ano ou 30 días consecutivos para poder facer uso dunha liña de teléfono móbil fóra do país de orixe sen cargos adicionais durou poucos días, e tras a súa retirada temos por fin unha nova proposta de normas para evitar abusos coa fin das tarifas de itinerancia en xuño de 2017, realizándose un cambio de enfoque para o que se considera un uso razoable do roaming, que xa non tería límites temporais ou de volume no uso dos dispositivos móbiles noutros países europeos, senón que proponse a constitución dun mecanismo para que os operadores poidan facer fronte a eventuais abusos.
O novo mecanismo basearíase na residencia dos consumidores europeos ou das ligazóns estables que puideran ter con algún Estado membro, ou sexa, que libraríanse dos sobrecustos, por exemplo, os traballadores que a diario pasan a outro país a traballar, os traballadores expatriados que volven con frecuencia ao seu país de orixe ou os estudantes de Erasmus.
A proposta definitiva aprobarase o 15 de decembro e entrará en vigor o 15 de xuño de 2017, permitindo que os europeos poidamos pagar os prezos do noso país de orixe ao chamar, enviar mensaxes de texto ou navegar pola Rede dende o móbil, mantendo as condicións de contratación locais cando vaiamos a outro país da U.E.
Na redacción actual detállase que a itinerancia está dirixida a viaxeiros, non a residentes noutros países, de xeito que os operadores poderán establecer medidas de control para detectar cando un usuario está a abusar do novo escenario, ante o que a compañía debería advertir aos usuarios ante os recargos que terían que facer fronte (que terán un prezo máximo regulado) e no caso de desacordo tamén se establecerá un mecanismo de reclamación.

PUBLICIDADE