A Comisión Europea acusa a Google de abuso de posición dominante en Android

mércores, 20 de abril do 2016 Redacción

A Comisión Europea iniciou o ano pasado unha investigación formal contra Google en relación ás súas posibles prácticas abusivas relativas a Android, e esta mañá a comisaria responsable da Política de Competencia, Margrethe Vestager, confirmou que consideran de xeito preliminar que Google aplicou unha estratexia en relación cos dispositivos móbiles para manter e reforzar a súa posición dominante na procura xeral na Internet, remitindo as súas obxeccións a Google.
En primeiro lugar, as prácticas supoñen que o buscador de Google sexa preinstalado e seleccionado como servizo de busca web predeterminado ou exclusivo na maioría dos dispositivos Android vendidos en Europa. En segundo lugar, as prácticas parecen bloquear o acceso ao mercado dos motores de busca competidores mediante navegadores móbiles e sistemas operativos competidores. Ademais, tamén parecen prexudicar aos consumidores ao suprimir a competencia e restrinxir a innovación no espazo móbil máis en xeral.
Vestager declarou que «cremos que a conduta de Google priva aos consumidores de ter maiores opcións nas aplicacións e servizos para móbiles e obstaculiza a innovación doutros interesados, infrinxindo as normas antimonopolio da Unión Europea. Estas normas aplícanse a todas as empresas activas en Europa. Google ten agora a oportunidade de responder as dúbidas expostas pola Comisión».
A Comisión considera que Google ten unha posición dominante nos mercados de servizos de procura xeral na Internet, sistemas operativos con licenza para smartphones e tendas de aplicacións para o sistema operativo móbil Android. Google posúe polo xeral unha cota de mercado superior ao 90 % en cada un deses mercados no Espazo Económico Europeo (EEE).

As reticencias da Comisión Europea

No prego de cargos de hoxe, a Comisión alega que Google infrinxiu as normas antimonopolio da Unión:
- ao esixir aos fabricantes que preinstalen o buscador de Google e o navegador Chrome e obrigarlles a que seleccionen nos seus dispositivos o buscador de Google de xeito predeterminado para as buscas como condición para concederlles licenzas de determinadas aplicacións exclusivas de Google;
- ao impedir que os fabricantes vendan dispositivos móbiles que funcionen con sistemas operativos competidores baseados no código fonte aberto Android;
- ao conceder incentivos financeiros aos fabricantes e operadores de redes móbiles coa condición de que preinstalen exclusivamente o buscador de Google nos seus dispositivos.
A Comisión considera que estas prácticas comerciais poden conducir a unha maior consolidación da posición dominante do buscador de Google nos servizos de busca xeral na Internet. Á Comisión tamén lle preocupa que estas prácticas afecten á capacidade dos navegadores para móbiles rivais para competir con Google Chrome e que obstaculicen o desenvolvemento de sistemas operativos baseados no código fonte aberto Android e as oportunidades que ofrecerían para o desenvolvemento de novas aplicacións e servizos.
A Comisión considera, de xeito preliminar, que esta conduta prexudica en última instancia aos consumidores, xa que non se lles ofrece toda a capacidade de elección posible e impide a innovación.

Gráfico no que a Comisión explica os reparos que ten coas prácticas de Google

A resposta de Google

Pola súa conta, Google responde ás acusacións da Comisión Europea asegurando que Android é un desenvolvemento aberto apoiado por numerosos socios a nivel de hardware, salientando que o modelo que empregan con Android facilita unha grande flexibilidade para os consumidores mantendo un coste moi reducido para os fabricantes.
Dende Google argumentan que os acordos cos seus socios son totalmente voluntarios (calquera pode empregar Android sen Google, podendo incluso modificar o sistema operativo como, por exemplo, fai Amazon), salientan que os fabricantes que inclúen nos seus móbiles o conxunto de aplicacións de Google son libres de preinstalar outras aplicacións (de feito, tenden a incluír aplicacións como a de Facebook ou as dos operadores móbiles), lembran que aínda que ofrezan Android de balde o seu desenvolvemento é moi custoso (pero compénsano a través dos servizos e aplicacións que distribúen a través desta plataforma), e non deixan de comentar o doado que resulta para os usuarios a instalación de aplicacións nos seus dispositivos, como demostra a popularidade de aplicacións como WhatsApp, Instagram, Snapchat... que non veñen integradas nos móbiles e gozan de centos de millóns de descargas.
Consideran así que non están a realizar ningunha práctica contraria á competencia, e que simplemente teñen un modelo de negocio sustentable baseado na oferta de Android de balde para conseguir o retorno do seu investimento a través doutras vías.

PUBLICIDADE