A Comisión Europea avalía este martes o Programa de Voluntariado Dixital de AMTEGA

luns, 24 de marzo do 2014 Redacción

Este martes 25 de marzo o Programa Voluntariado Dixital amosa ante Europa o seu potencial de divulgación e alfabetización TIC. Máis polo miúdo, a iniciativa que promove a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para facilitar o fluxo de coñecemento tecnolóxico-dixital dende quen ten eses coñecementos até as galegas e galegos que non os teñen, será obxecto dun peer review como exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC. A sesión, que será clausurada pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, ten como obxectivo a avaliación e análise do proxecto de Voluntariado Dixital.
Isto ten como finalidade permitir que os responsábeis da Administración autonómica poidan coñecer as opinións e experiencias dos seus homólogos europeos en materia de inclusión dixital e recoller as súas achegas de face ao deseño e aplicación de novas liñas de actuación neste ámbito.
Segundo informa AMTEGA, os seminarios peer review ou avaliacións por pares son unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea para difundir entre os países membro iniciativas e proxectos de interese en determinados ámbitos para fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise crítica por parte de expertos. Este método supón que o Estado membro, cuxa iniciativa resultou elixida, organiza un seminario no seu territorio ao que convida a representantes doutros países.
Neste caso, enviouse un documento explicativo do programa VOLDIX e foi analizado pola experta Ellen J. Helsper, da London School of Economics and Political Science, a cal preparou un informe de discusión que será analizado no seminario. Este contará coa participación dunha representante da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, Emanuela Tassa; de Clara Centeo, do Join Research Centre da Comisión Europea, que falará do proxecto Innovación Social mediante o uso das TIC para a implantación do Paquete de Investimento Social (SIP) da Comisión Europea e de David Sinclair, da Platform Europe AGE (Plataforma Europea IDADE), que abordará a exclusión dixital e persoas maiores desde unha perspectiva europea comparada.

PUBLICIDADE