A Comisión Europea flexibilizará as normas sobre o uso de cookies

martes, 10 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O vicepresidente da Comisión Europea a cargo do mercado único dixital, Andrus Ansip, e a membro da Comisión encargada de Igualdade, Consumo e Xustiza, Vĕra Jourová, compareceron hoxe ante os medios para dar conta dun paquete de iniciativas que pretenden implantar a nivel comunitario para garantir unha maior protección dos datos dos cidadáns europeos no que podemos considerar como unha revisión da directiva implantada en 2009 que incluía elementos tan absurdos como que practicamente todas as páxinas web europeas teñan que amosar unha advertencia sobre o uso de cookies, que na práctica só é unha molestia para o usuario e incluso pode servir para todo o contrario do que se persegue (xa que o usuario fai clic no botón para pechar a advertencia sen pararse a lela, acción que pode disparar algún tipo de mecanismo que vaia contra os intereses do usuario (como instalar malware no seu equipo).
A nova proposta da Comisión protexe a confidencialidade de toda comunicación electrónica (detallando os casos nos que podería permitirse a interceptación de comunicacións), esixirá a garantía da confidencialidade do comportamento dos usuarios en liña (aínda que desta volta eliminan a necesidade de advertir do uso de cookies en casos técnicos como o rexistro de sesións ou o almacenamento de cestas da compra), para procesar contidos de comunicacións e datos asociados será preciso o consentimento (coa excepción dos datos precisos por motivos de facturación), e o marketing directo e o correo lixo precisarán tamén de consentimento previo (de xeito que daría igual que empregásemos correos electrónicos, mensaxes de texto ou robots que efectúan chamadas telefónicas, xa que a tecnoloxía empregada para as comunicacións comerciais sería irrelevante, sendo a peza chave a aceptación do consumidor de recibir as comunicacións).
No caso das chamadas telefónicas será posible establecer un mecanismo de opt-out, ou sexa, que os usuarios poderán inscribirse nunha listaxe de exclusión (para non recibir chamadas comerciais), mentres que as chamadas comerciais deberán amosar sempre o seu número de teléfono e incluso podería establecerse un prefixo que facilite a identificación das chamadas comerciais.
De todas estas normas posiblemente o mellor será que por fin os reguladores entenden que os avisos de uso de cookies son unha grande molestia inútil, e o propio usuario sempre ten o control da súa información a través da correcta configuración do seu navegador web.
Curiosamente hai un par de elementos polémicos que os reguladores prefiren deixar á marxe: non regularán o uso de bloqueadores de publicidade en páxinas web (deixando na man dos editores a toma de medidas ante os usuarios que empregan este tipo de ferramentas) e tampouco entrarán no uso do cifrado nas comunicación (aínda que manteñen que os provedores de servizos de comunicacións electrónicas teñen que ser quen de garantir a seguridade para evitar intrusións na intimidade dos seus usuarios).

PUBLICIDADE