A Coruña acolle este domingo unha kedada canina de usuarios de Facebook

xoves, 23 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Este domingo 26 de setembro a partir das 12.00 horas celébrase no Parque de Bens da Coruña unha iniciativa que xorde do cruzamento de dous mundos que a priori non tiñan moito que ver: o uso das redes sociais e o respecto e coidado a prol dos animais. Máis polo miúdo, trátase dunha concentración (kedada) canina xurdida ao abeiro da rede social Facebook e de diferentes grupos de acción social creados nela “co obxectivo de reivindicar a tenencia responsable de animais de compañía”.
Segundo informa o Club de Cans de Familia Só lles falta falar (unha das plataformas participantes, xunto con colectivos en liña como Meu can non é un máis da familia ou O meu can non molesta), tamén se fará unha defensa do disco verde, modelo adoptado xa en moitos países europeos, e que supón a consecución de privilexios para as mascotas que acrediten a súa perfecta incorporación á sociedade.
Na kedada participan tamén plataformas como Queremos praias habilitadas para poder ir cos nosos cans todo o ano ou Os meus lugares favoritos na Coruña, grupos que xunto aos devanditos constitúen unha fronte social de 2.000 usuarios de Facebook, sitio en liña onde “tratan de facer un espazo común para os amigos dos animais”.

PUBLICIDADE