A Coruña conecta cos cómics e os videoxogos de inspiración xaponesa nunha nova edición e ExpOtaku

luns, 21 de novembro do 2022 S. P.

Esta fin de semana, do 26 ao 27 de novembro, vaise celebrar na Coruña a nova edición dun evento que fará as delicias dos seareiros das series, as aventuras gráficas, os cómics e demais contribucións culturais e tecnolóxicas relacionadas coa cultura oriental. Trátase de ExpOtaku A Coruña 2022, nova convocatoria dunha cita que reúne cada ano máis de 25.000 visitantes chegados de todos os recantos da xeografía galega e do resto de España e Portugal. Segundo confirmou a organización, o Salón de Manga, Anime, Videoxogos e Cultura Xaponesa de Galicia (ExpOtaku A Coruña) volve neste segundo semestre de 2022 ao Recinto Feiral ExpoCoruña, cunha edición de outono “que completa a oferta lúdico-cultural da edición de maio”. A cita será como dixemos a fin de semana do 26 e 27 de novembro.
Cifras
O salón disporá de 5.500 metros cadrados de superficie feiral e conta ademais co mellor dos precedentes: os 26.000 visitantes na edición anterior (maio de 2022). O resto das cifras falan por si soas respecto do nivel de impacto desta convocatoria: máis de 140 actividades ao longo de 2 días, máis de 75 expositores, 13 entidades colaboradoras de toda Galicia e máis de 500 acreditados. Ademais, o programa inclúe os tradicionais concursos de cosplay (disfraces), karaoke e kpop dance cover (baile), 14 torneos de videoxogos e miles de euros en premios.
A nivel máis concreto, a axenda de actividades inclúe (entre outras cousas) actuacións musicais, obradoiros de anime, artes marciais, vodas frikis, charlas, concursos, conferencias, achegamento á cultura coreana e xaponesa, xincanas, ludoteca, experiencias de Realidade Virtual, robótica, uso de simuladores, softcombat, obradoiros e videoxogos. O programa artellarase en torno a dez zonas temáticas.
O perfil de visitantes serán mozos e mozas de entre 13 e 35 anos (aproximadamente o 70%) e familias con nenos entre 3 e 10 anos con entre un e dous adultos por neno ou grupo de nenos (aproximadamente o 30%).
“Un dos maiores encantos de ExpOtaku”, explican dende a organización, “é o seu crecente espazo para artesáns, ilustradores e novos creadores, no que o público poderá atopar desde ilustracións orixinais de novos autores ata creacións de ourivaría steampunk, pasando por traballos con cristal, madeira, confección con tecidos ou merchandising de manufactura artesanal”. Esta edición de outono o espazo para artesáns, ilustradores e novos creadores contará con 52 expositores.
Convidadas e convidados
➡️ Clarice Cosplay (cosplayer)
➡️ Dragon Tearss (cosplayer)
➡️ Fatisuki (tiktoker)
➡️ Jackwise Clown (cosplayer)
➡️ Juanillo Esteban (a voz do Xabarín Club)
➡️ Luís Pousada (actor de dobraxe)
➡️ Lusesha Nyckel (cosplayer)
➡️ Nymeria Cosplay (cosplayer)
➡️ Pekebaby_ (cosplayer)
➡️ Shaun Elay (ilustradora)
➡️ Uchibros (tiktokers)
Ligazóns
A organización habilitou varias ligazóns que cómpre ter en conta na web do salón, non só a relativa ao programa completo de actividades, que será de gran utilidade para non perdernos, senón tamén a que se refire ao listado de expositores e a como chegar.
Horarios
Sábado 26 de Novembro: de 10:00 a 21:00 horas.
Domingo 27 de Novembro: de 10:00 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE