A Coruña presentará aos Next Generation o proxecto de monitoraxe dixital do tráfico

venres, 26 de marzo do 2021 S. P.

O Concello da Coruña anunciou que presentará aos fondos europeos Next Generation os proxectos locais de monitoraxe dixital do tráfico e de establecemento de zonas de baixas emisións, iniciativas ás que engadirá a Estación Intermodal. Estes proxectos foron debullados nos seus detalles polo edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada.
O concelleiro fixo saber que o Goberno de Inés Rey pretende crear “un novo centro de xestión da mobilidade no que integrar dixitalmente todos os procesos”. Con isto dixo, búscase saber como se utiliza o espazo público, a carga e descarga, os túneles ou o ciclo semafórico, buscando facilitar a tomar de decisións en base a datos e metadatos e utilizando as vantaxes da Intelixencia Artificial. Neste aspecto, Villoslada explicou que para a posta en marcha deste sistema traballan na actualidade con grupos de investigación da Universidade da Coruña e en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico e o Clúster da Loxística de Galicia.
Ligado ao devandito, inclúese un plan de establecemento de zonas de baixas emisións, co que este Concello aspira a ter listos os sistemas para lle dar cumprimento ás directrices que marcarán a nova lei de cambio climático. Villoslada lembrou que a cidade dispón dunha relevante rede de medición da calidade do ar e que estes datos “permitirán monitorizar o seu estado co obxecto de conformar un primeiro cinto, onde se dará un seguimento máis intenso, e un segundo de protección e observación, segundo marcan as liñas estratéxicas da Unión Europea”.

PUBLICIDADE