A Deputación da Coruña brinda o seu apoio ao Carballo Interplay

martes, 26 de xaneiro do 2016 Redacción

O festival de contidos audiovisuais e dixitais Carballo Interplay, que xa ten dous anos de vida amosando entre outras cousas as webseries galegas e estatais de meirande pegada, está considerado como un referente a seguir no ámbito audiovisual e cómpre informar que este ano celebrará a súa terceira edición, pois o pasado venres 22 de xaneiro a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo asinaban un convenio de colaboración para o festival internacional que contará cunha achega de 31.706, 36% destinado ao desenvolvemento da actividade.
"Unha cita pioneira que converteu a Carballo en referente do audiovisual, non só en Galiza senón máis alá das nosas fronteiras. Sentímonos orgullosos de participar nunha iniciativa ousada, que abre novos camiños e que é un encontro obrigado para moitas persoas do audiovisual que están a traballar en novas feituras narrativas e con novos soportes", sinalou a vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, na sinatura do dito convenio co Concello de Carballo para o financiamento do festival.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, amais de recoñecer o apoio da Deputación ao festival, fixo fincapé na existencia de tres festivais internacionais no concello que fan de Carballo un espazo de referencia en eventos senlleiros do eido cultural, en especial, con iniciativas innovadoras como o festival de webseries e novos formatos narrativos do audiovisual.

PUBLICIDADE